Escoitar

Chamamento do Concello aos voluntarios

luns, 9 dec 2002
imx2095.jpg
Recollida de fuel
O Concello de Vigo realizou hoxe un chamamento ás persoas que desexan colaborar nos traballos de recuperación do litoral para que non acodan aos puntos de limpeza se non están en grupos organizados pola administración municipal. O Concello insiste en que os voluntarios deben apuntarse nas listas abertas na Oficina Municipal de Voluntariado para que sexa posible coordenar o seu traballo e dotalos dos equipos necesarios.

A afluencia de persoas ás praias sen estar en grupos organizados pode dificultar o traballo ao xerar descoordenación. O Concello lembra ademáis que os labores de limpeza teñen risco, xa que se está a manexar material tóxico.

O Concello, en coordenación coa Dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas, enviou esta mañá ás Cíes cen voluntarios totalmente equipados. Posteriormente partiron ata catro barcos máis cargados con diverso material (colectores, víveres, maquinaria). O concello vigués suministroulle alimentos e material de traballo a mariñeiros de Cangas e Moaña e tamén aos infantes de mariña enviados polo exército á illa de San Martiño.

Calcúlase que na costa de Cíes hai varios centos de toneladas de fuel. A súa recollida é dificultosa porque se concentra nas zonas máis rochosas e inaccesibles. O chapapote recollido será trasladado a uns depósitos situados en Cangas.

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, volveu a agradecer a colaboración das empresas que están ofrecendo axuda para os voluntarios e insistiu na necesidade de que o goberno central tome medidas para evitar que se acheguen ás rías novas masas de fuel.
Descargar todas as imaxes