Escoitar

Arcos luminosos e música animarán a entrar nos comercios durante o Nadal

xoves, 5 dec 2002
A concelleira de Turismo e Comercio, Lílian Álvarez, e os representantes dos comerciantes presentaron as características do alumeado de Nadal. Este ano terán, entre outras novidades, arcos luminosos de baixo consumo que estarán acesos de 18:00 a 24:00 horas.

Estrelas, árbores, animais e demais motivos propios destas datas decorarán e encherán de alegría as rúas viguesas para convidar os cidadáns a saír de compras e atraer xente doutros lugares. A Gran Vía, Porta do Sol, praza do Berbés, Montero Ríos, García Barbón, Urzáiz ou praza de Compostela son algunhas das zonas novas que disporán de alumeado de Nadal este ano.

Os comerciantes organizaron tamén, en colaboración co Concello, concertos e charangas para animar as persoas que van polas rúas e Papá Noel repartirá caramelos en diversas zonas da cidade. Na rúa Urzaiz instalarase megafonía para crear ambientación musical.

O Concello achegará o 60% do presuposto e os comerciantes o 40% restante, ademais da colaboración da Zona Franca e Caixanova.