Escoitar

O Concello de Vigo esixe medidas urxentes para evitar a chegada doutra marea negra

luns, 9 dec 2002
imx2099.jpg
Rochas con restos de fuel
O Goberno municipal convida aos vigueses a participar na manifestación convocada pola plataforma Nunca Máis.

A Comisión de Goberno do Concello de Vigo aprobou a seguinte declaración:

Ante a certeza de que a só 22 millas das nosas costas se extende unha enorme franxa de masas de fuel que abrangue todo litoral dende Fisterra á localidade lusa de Esposende.

Ante a falta de eficacia, rapidez e transparencia na actuación contra a marea negra demostrada durante toda a crise pola Xunta e o Goberno Central, autoridades competentes nesta materia.

Ante a patente falta de medios técnicos empregados ata agora polo Goberno e a súa reticencia a reclamar axuda internacional.

A Comisión de Goberno do Concello de Vigo acorda:

1) Esixirlles ao Goberno Central e á Xunta de Galicia que adopten de inmediato as medidas necesarias para impedir que o fuel que permanece á deriva fronte ás nosas costas se convirta nunha nova marea negra.

2) Aplaudir e agradecer a abnegada loita contra a marea negra dos mariñeiros das confrarías da ría e continuar apoiando o seu traballo cos medios ao alcance do Concello.

3) Agradecer a xenerosa colaboración dos centos de voluntarios e voluntarias que ofreceron desinteresadamente o seu tempo e traballo para contribuir á limpeza das illas do Parque Nacional e tamén a das empresas e institucións que doaron medios materiais e persoais para afrontar esta catástrofe.

4) Facer un chamamento para que esa colaboración se manteña no tempo.

As tarefas de limpeza do noso país vanse prolongar durante meses e faise imprescindible a cooperación de todos e todas. Seguiremos precisando de material e de persoal voluntario. Cómpre que esa axuda se preste de forma ordenada, polo que lle pedimos ao voluntariado que se organice a través da Oficina Municipal de Voluntariado e ás empresas que aporten a súa axuda a través do gabinete de emerxencia do Concello.

O voceiro do Goberno municipal, Xavier Toba, fixo un chamamento a todos os vigueses para que se sumen á manifestación convocada para o mércores en Vigo pola plataforma Nunca Máis. Toba dixo que é o momento de que os cidadáns expresen toda a indignación que lles produce a actuación de Goberno Central e Xunta nesta crise. Xavier Toba criticou tamén a actitude do ministro de Fomento que anuncia o risco de chegada dunha nova marea negra “cando aínda non puxo os pes en Galicia nin adoptou ningunha medida para frear a contaminación da costa galega”.

Pola súa banda, a concelleira Belén Sío, insistiu na necesidade de que se free o avance das manchas de fuel antes de que cheguen ás rías, utilizando para iso todos os medios que sexan precisos.
Descargar todas as imaxes