Escoitar

Pintados tres centros máis dentro da campaña de graffitis da Concellería de Xuventude

venres, 15 nov 2002
imx1989.jpg
Escola de Música
Participantes na campaña Vigograffiti da Concellería de Xuventude xa remataron as súas obras noutros tres centros públicos de Vigo. Trátase da piscina municipal de Travesas (pintada por Keops e Avi), a Escola Municipal de Música (na que os irmáns Joaquín e Jesús Puga traballaron cun estilo manga) e o Colexio Santa Tegra, na Guía (pintado por Jos, Portela, De Dios e Ash). Neste programa participan máis de 100 graffiteiros, dos que 85 son de Vigo.

Vigograffiti é un programa pioneiro en Galicia que pretende, por unha banda, canaliza-las expresións artísticas dos graffiteiros da cidade cara a lugares máis apropiados e, por outra, revalorizar espacios ou paredes que estaban abandonados ou en deficiente estado dende o punto de vista fisonómico. A campaña rematará coa impresión dun catálogo fotográfico, cunha versión tamén en internet, en www.xuventudevigo, a partir do que se organizarán rutas artísticas por Vigo, a semallanza do que pasa noutras cidades europeas como Berlín.

A Concellería de Xuventude pon a disposición dos artistas todo o material preciso para o debuxo, mentres que os centros pintados apórtanlle algunha compensación económica ós artistas.

Con anterioridade foran pintados a fachada do Espacio Xove do Castro, as paredes interiores do Centro Xuvenil da Rúa Uruguai e os colexios Igrexa Valadares e Mestres Goldar.

Actualmente estanse facendo graffitis nos colexios Villalaura e Canicouba, á vez que se rematan os do patio da Casa da Xuventude. Ademais, está previsto que se pinten outros tres centros educativos antes do remate do ano.
Descargar todas as imaxes