Escoitar

O Ministerio de Fomento comprométese co alcalde de Vigo a licitar este ano a obra do segundo cinto de circunvalación

venres, 27 abr 2001
Lois Castrillo afirma que, trala entrevista de hoxe co Secretario de Estado de Infraestructuras, se desbloquearon os principais proxectos de infraestructuras da cidade.

O Ministerio de Fomento presentará o proxecto do segundo cinto de circunvalación antes do verán para a súa exposición pública. Ese é o compromiso que o alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, obtivo do Ministerio de Fomento. O secretario de estado de infraestructuras, Benigno Blanco, comunicoulle oficialmente ao alcalde que o Ministerio aceptou as principais propostas realizadas polo Concello de modificación no trazado do segundo cinto. O Goberno municipal, de acordo coa Xunta e o Consorcio da Zona Franca, transmitíralle o pasado ano a Fomento a necesidade de introducir algúns cambios no trazado previsto para facilitar a conexión do novo vial co Parque Tecnolóxico, a urbanización de Navia, ou a zona industrial de Balaídos. Técnicos de Fomento e do Concello seguirán en contacto para estudiar algúns aspectos do proxecto de menor trascendencia. O obxectivo fixado por ámbalas partes é o de que a obra se licite este mesmo ano.

Outro dos compromisos conseguidos por Lois Castrillo na súa visita a Madrid é o de que o Ministerio de Fomento aprobe en xuño o Plan Director do Aeroporto e o remita ao Concello. Na reunión entre o alcalde e o secretario de estado falouse tamén da Travesía de Vigo. Benigno Blanco anuncioulle a Castrillo que as obras de remodelación da Travesía continuarán de inmediato naqueles puntos onde non se pretenden introducir modificacións ao proxecto orixinal. O Ministerio redactará un proxecto para o resto do trazado, que lle fará chegar en maio ao Concello, e no que se incluirán as reformas suxeridas pola Corporación municipal.

O alcalde vigués trasladoulle ao Ministerio as súas propostas para que se convirta en urbano o treito final da A-9 a través da construcción de conexións co barrio de Teis. Tamén lle trasladou a idea de realizar un acceso directo dende a autoestrada á nova estación de ferrocarril que construirá Renfe e a de aproveitar ese proxecto para crear unha estación intermodal (tren, autobús, metro lixeiro). Outro proxecto que se lle entregou ao Ministerio foi o da reordenación das estradas no contorno do aeroporto e de Cotogrande. Benigno Blanco comunicoulle que todas estas propostas van ser analizadas pola administración central.

O alcalde de Vigo declarouse compracido de que se desbloquearan os principais proxectos de infraestructuras da cidade e por conseguir que se fixaran prazos por primeira vez para presentalos. Lois Castrillo tamén salientou o feito de que se establecera unha canle de diálogo entre o Concello e o Ministerio de Fomento para estudiar de forma conxunta as infraestructuras que lle corresponde realizar na nosa cidade ao goberno central. O alcalde reiteroulle ao ministro de Fomento, Francisco Álvarez cascos, a invitación para que visite Vigo e coñeza a cidade e as súas necesidades.