Escoitar

O Concello celebrará un acto para lembrar a figura do ecoloxista David McTaggart

xoves, 26 abr 2001
A Corporación municipal acordou promover un acto de exaltación á figura do fundador da organización ecoloxista internacional Greenpeace, David McTaggart, que finou hai uns días en Italia. Con este acto honrarase a tódolos homes e mulleres que loitan polo ben común na defensa da ecoloxía e do medio ambiente.

A homenaxe organizarase coa participación das organizacións ecoloxistas que traballan en Vigo e, moi especialmente, con Greenpeace.

David McTaggart foi un gran humanista, traballador infatigable na defensa da ecoloxía e dun medio ambiente non contaminado. Foi, sen dúbida, un dos máis lendarios ecoloxistas da historia da humanidade, e desempeñou o cargo de presidente de Greenpeace Internacional entre os anos 1979 e 1991. Unha das loitas máis características deste persoeiro foi contra as probas nucleares francesas en Mururoa e no Pacífico.

A loita de Greenpeace contra os vertidos nucleares na Foxa Atlántica, na que colaboraron os concellos de Vigo e A Coruña, entre outros, resultou decisiva para conseguir unha moratoria dos vertidos e a súa posterior prohibición definitiva.