Escoitar

Caballero constata a "indignación" dos comerciantes polo "ataque" ao aeroporto de Vigo

O alcalde reuníuse cunha decena de asociacións de comerciantes de Vigo para pulsar a súa opinión sobre o "ataque frontal" ao que se está vendo sometido Peinador e polo cal está convocada unha concentración cidadá este mércores. En verbas de Caballero, esta situación do aeroporto está a danar ao comercio vigués.

luns, 17 xuñ 2013
1371470018comerciantes.JPG
Abel Caballero recibiu este luns no Concello a representantes de VigoVello, Centro Príncipe, Zona Centro, FECOVI, Calvario, Aetravi, Comerciantes de Bouzas, Mercacevi e do Mercado de Teis, como parte da rolda de contactos que está a manter para pulsar a opinión da cidadanía ante o "ataque frontal" ao aeroporto de Vigo.

Segundo revelou Caballero ante os medios, o sector do comercio amosou a súa "indignación" pola situación de Peinador, lastrado pola política aeroportuaria de subvencionar a Santiago e non a Vigo por parte do goberno autonómico. O alcalde responsabiliza a Núñez Feijóo de querer pechar Peinador para que a xente de Vigo viaxe a través de Santiago.

O primeiro edil vigués tamén censurou que a baixo custe Ryanair, subvencionada pola Xunta de Galicia para que opere en Lavacolla, publicite Santiago na súa revista con imaxes das Illas Cíes, acción promocional na que ve "detrás" a Feijóo e definida de "desvergoña".

Na tarde deste luns, Caballero continuará coa rolda de contactos para abordar a situación do aeroporto de Vigo cunha reunión con Agarimo, o club Academia Octavio de balonmán, a Asociación de Peñas El Olivo e as veciñais de Beade e Lavadores.
Descargar todas as imaxes