Escoitar

O pleno do Consello Escolar Municipal de Vigo rexeita o anteproxecto de lei LOMCE

O pasado 18 de abril de 2013, reuniuse no Instituto Municipal de Educación en sesión plenaria o Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV). Nesta sesión aprobouse unha moción presentada por unha das súas comisións de traballo, a Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa, con maioría de votos a favor (13 votos fronte a 2 en contra).

martes, 23 abr 2013
Con esta moción, o Pleno do Órgano Colexiado rexeita por completo o Anteproxecto de Lei, LOMCE, facendo especial fincapé en aspectos contemplados no anteproxecto:
•O reforzo das atribucións do goberno central e a redución de competencias das Comunidades Autónomas.
•A perda do carácter representativo e decisorio dos Consellos Escolares, como únicos órganos que poñen en contacto aos diferentes actores sociais da totalidade da Comunidade Educativa dun Concello/Escola/Instituto, etc.
•A volta ao protagonismo educativo das reválidas.
•A consideración da calidade educativa como empregabilidade, non tendo en conta o necesario para chegar á calidade, destacando o aumento de inversión de diñeiro público no ensino privado.
•A valoración da competitividade fronte á solidariedade. Non defende unha educación integral da persoa. Esquece o diagnóstico previo do alumnado e o seu desenvolvemento persoal en destrezas emocionais, sociais, artísticas e en capacidade crítica.
•É ideoloxizante. Prima as materias do informe Pisa, as instrumentais, sen argumentación
pedagóxica contrastada. Aumenta os contidos confesionais en detrimento da educación en valores democráticos.
•Afonda no aumento da segregación, que ademais de social tamén será escolar (pedagóxica, cultural e lingüística). Carece de medidas que favorezan a continuidade no sistema escolar, fagan efectiva a inclusión da diversidade, combatan o fracaso escolar e aspiren á excelencia.