Escoitar

O Concello celebra o Día Mundial das zonas húmidas cun programa de actividades con escolares

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentou os actos previstos o venres 1 de febreiro para celebrar o día mundial das zonas húmidas, así como o acto de inauguración do programa de educación medioambiental Camiño a Camiño.

martes, 29 xan 2013
1359464351chus.jpg
DIA MUNDIAL DAS ZONAS HÚMIDAS (2 de febreiro)
O Concello de Vigo leva realizado no último lustro un traballo exhaustivo de catalogación das diversas zonas húmidas dispoñibles no termo municipal, así como accións de protección e de dar a coñecer aos vigueses e viguesas da riqueza existente nas mesmas.
Tal e como se recolle no poster que se distribuirá nos actos previstos, 7 son os humedais máis destacados, dos cales 6 son de auga doce en terreos públicos (A Bouza, Goberna, Muíños e Barreiro) e en terreos privados (O Vao e Fontes-Pertegueiras), e 1 de auga salobre (Xunqueira do Lagares). En total 314.000 m2, cunha biodiversidade en termos de flora e fauna digna de consideración.
Ás actuacións que realizan habitualmente as cuadrillas do Concello de Vigo, durante o ano 2012 engadiuse o traballo desenvolto polo voluntariado de Camiño a Camiño no tocante a eliminación de plantas invasoras e lixo e a plantación de especies autóctonas nos terreos libres de exóticas. Algunha da especies invasoras sobre as que se actuou foron a Tradescantia fluminensis, Canna indica, Bidens aurea, Senecio tamoides, Tropaeolum majus, Carpobrotus edulis e Arcthoteca calendula. O terreo total que se limpou de especies invasoras foi de aproximadamente 2000 m2, retirando un volume de arredor de 850 sacos xigantes. Ao mesmo tempo realizouse a replantación de especies autóctonas, sendo recollidas en boa parte na parcela onde se vai a construír a futura depuradora de Vigo. En total contabilizáronse máis de 800 replantacións de 28 especies distintas.
Tamén foi de salientar en 2012 o traballo realizado pola Concellería de Medio Ambiente con 15 centros educativos de Vigo próximos ás zonas húmidas e un total aproximado de 750 escolares de último ciclo de primaria. Realizáronse visitas guiadas onde dun xeito lúdico se deron a coñecer os animais e as prantas que habitan nestes espazos de especial interese medioambiental.
Ademais, tres etapas de Camiño a Camiño realizáronse nos entornos das zonas húmidas, participando preto de 800 persoas nas vistas. Xunto coas zonas húmidas de Muiños, Goberna e A Bouza, xa máis coñecidas, tívose ocasión de acceder aos de carácter privado do Vao e achegarse ao descoñecido de Fontes-Pertegueiras.
Para a celebración do Día Mundial das Zonas Húmidas, a Concellería de Medio Ambiente adoptou o lema internacional de "As zonas húmidas coidan da auga" e con tal motivo vaise desenvolver un programa de actividades o venres pola mañá con centros educativos que o ano pasado participaron nas actividades. Terá lugar simultáneamente na Bouza, en Muiños-Goberna e en Barreiros. Agardase unha participación de 250 escolares.
Ao mesmo tempo está previsto distribuír material pedagóxico entre os escolares de primaria para o seu traballo nas aulas. Consiste nun antifaz decorado a partir dunha libélula ou cabaliño do demo, que contén moitos dos animais que se poden atopar nunha zona húmida.
Nos vindeiros meses daráselle continuidade á actuación de divulgación das zonas húmidas nos centros educativos, aproveitando períodos climatolóxicos máis benignos.


PRESENTACIÓN DE CAMIÑO A CAMIÑO 2013 (6 de febreiro, 19:30, auditorio do Concello)
Co mes de febreiro bota a andar Camiño a Camiño, o programa de educación medioambiental da Concellería de Medio Ambiente que aglutina tanto os percorridos por Vigo e bisbarra e por Galicia, como voluntariado medioambiental, cursos de formación, hortas urbanas e eventos dirixido a distintos públicos.
O acto que terá lugar o mércores, 6 de febreiro, as 19:30 no auditorio do Concello, é aberto para aqueles "camiñantes" que están ansiosos en retomar o traballo iniciado en decembro, así como a persoas que teñen interese en participar tanto como usuarios/as ou como voluntariado.
Está previsto realizar unha retrospectiva audiovisual da edición 2012 e a presentación da programación para o 1º semestre nas distintas liñas de actuación do programa.
Tamén se aproveitará para facer a entrega dos diplomas de participación dos voluntarios e voluntarias do 3º e 4º trimestre e do recoñecemento das máis de 4000 horas de voluntariado realizada nese período.
1359464351chus.jpg
1359464369Poster.jpg
Descargar todas as imaxes