Escoitar

O Torneo Concello de Vigo, con marca de inscricións, "confirma que o pádel se abre camiño", di o edil de Deportes

O maior complexo de pádel de Vigo, Máis que Auga, en Barreiro, organiza dende este venres e ata o domingo 25 a primeira edición do Torneo Concello de Vigo deste deporte, practicado na cidade dende 1990 pero que a partir de 2010 adquiriu un enorme auxe.

xoves, 15 nov 2012
1352994673padel.JPG
Agora, a área deportiva municipal MQA Barreiro aposta pola modalidade open, para federados e non federados, e xogadores e xogadoras de todas as idades competirán en tres (mixta e feminina) ou catro niveis (masculina) ata alcanzar os 448 participantes, "unha marca nos torneos que se xogaron na cidade estes anos", asegurou Xoel Tejo, dinamizador de pádel en MQA.

Catro pistas de cristal cubertas, dous de muro cubertas e catro de muro descubertas recibirán tamén a unha decena de xogadores da selección galega, aos históricos irmáns Babé (Ramón e Federico, trece e quince veces campións de Galicia), ao actual mellor xogador da provincia, David García, ou a Fernando Arteaga, monitor das escolas de pádel de MQA, unha vez campión autonómico e outro dos nomes de referencia na historia do pádel vigués.

O torneo está enmarcado dentro do Plan de Dinamización das instalacións MQA, "que lidera o Concello", segundo explicou Jorge Moreno, xerente das instalacións. Moreno entende que o triángulo formado por "deporte, saúde e familia ten un retorno moi importante para a sociedade viguesa nos tempos que corren xa que", segundo lembrou, "investir en deporte é aforrar custos en Sanidade". Dende MQA tamén asegurouse que a día de hoxe ·os complexos de Barreiro e Coia contan con 14.000 abonados e lista de espera, o que amosa que Vigo dispón dunha sociedade sa que está convencida dos beneficios do deporte".

A competición reserva unha categoría para os socios ou competidores das ligas de pádel de Máis que Auga, que teñen tamén enorme aceptación. A inscrición para o evento tivo un custo de 11,20 euros por persoa, máis barato que as inscricións neste tipo de campionatos, que saen a 15 euros. A entrada a ver os partidos é libre, contando con bancadas supletorias.

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, celebrou "que outro deporte se abra camiño na cidade como demostra o feito dese volume de inscritos", e desexou a continuidade do torneo en anos seguintes. Ademais, aplaudiu que o complexo de Barreiro "conte con 200 alumnos e alumnas, unha cifra considerable". Para o edil, "o pádel enche un oco no mercado deportivo de Vigo" e considera que "actuacións como esta dan resposta á inquedanza dos practicantes de pádel".

En Barreiro xa hai experiencia organizativa doutros trofeos de pádel dende que en 2011 abriu oito pistas que sumar ás dúas primeiras cubertas con que conta dende o ano 2010: a Copa Xunta ou o campionato universitario de Vigo xa tiveron ditas instalacións Barreiro como sede. O trofeo conta ademais co apoio de varias firmas como El Corte Inglés ou o balneario de Mondariz.
Descargar todas as imaxes