Escoitar

Escolares vigueses coñecerán Porto nun intercambio organizado polo Concello

venres, 27 set 2002
imx1805.jpg
Porto
O programa ”Compartimos as cidades”, organizado polo Servicio de Normalización Lingüística e a Concellería de Educación, desenvolverá un intercambio de escolares vigueses que se trasladarán a Porto a vindeira semana. En total, serán 89 rapaces de 10 a 14 anos acompañados de 17 profesores os que participarán nesta viaxe.

Alumnado do IES Teis, CEIP Pombal, IES Valentín Paz Andrade e CEIP Mosteiro trasladarase a Porto onde realizarán un paseo en barco polo río Douro, gravarán un programa en vídeo, pintarán azulexos, participarán nun programa científico e nunha representación teatral, ademais de visitaren lugares de interese tanto da cidade como dos seus arredores.

O programa ”Compartimos as cidades” é un dos froitos do protocolo de colaboración asinado entre os alcaldes de Vigo e Porto. Con ese acordo perséguense estreitar os lazos entre as dúas cidades ampliando os eidos de colaboración e organizando intercambios culturais e educativos como o realizado no mes de maio deste ano, cando estiveron os escolares portuenses participantes en Vigo.

O Concello de Vigo e a Cámara municipal do Porto son partidarios de continuar promovendo actividades que favorezan o achegamento dos cidadáns destas dúas cidades como unha forma de garantir a colaboración futura e facendo que as xeracións máis novas se coñezan e relacionen.
Descargar todas as imaxes