Escoitar

O Concello rexenerará o monte do Castro coa escola obradoiro para desempregados

venres, 27 set 2002
O alcalde, Lois Castrillo, e a conselleira de Familia, Muller e Xuventude, Manuela López Besteiro, presentaron a Escola Obradoiro Bidueiro-2 da Fundación Érguete Integración. Con este programa rexenerarase o monte do Castro e recuperase a Casa da Xuventude, beneficiándose 48 persoas desempregadas.

O monte do Castro será o epicentro dos traballos de recuperación máis tanxibles e de maior transcendencia para os cidadáns. Os alumnos rexenerarán os camiños, plantarán especies vexetais, recuperarán setos que agora están interrompidos, pradeiras, arborado e arbustos deteriorados e restaurarán o mobiliario urbano. Tamén se recuperarán dúas pequenas edificacións da zona da pista de patinaxe, actualmente sen uso, que incrementarán o espacio de actividades xuvenís do Castro.

Novos usos

O parque é utilizado cada vez por máis persoas que acoden chamadas pola súa beleza natural, a impresionante contemplación da paisaxe desde o cumio ou as actividades que alí se desenvolven. Hai xa algún tempo que o Concello iniciou unha transformación de usos para recuperalo como espacio de liberdade e esparcemento. Esta acción vai potenciar a utilización do Castro para actividades de ocio e deportivas, tanto programadas como espontáneas, para que os veciños de Vigo teñan no seu parque un espacio para o lecer.

Para fomentar o uso lúdico instalaranse:
-circuítos sinalizados para a práctica da orientación
-sinais indicativos dos lugares de maior interese
-sinais de árbores e riqueza vexetal
-circuítos específicos para visitas de educación ambiental
-paneis para anuncio de actividades
-soportes para a práctica de fitness
-circuíto de footing

Recuperar a Casa da Xuventude

O caserón que alberga a Casa da Xuventude ten algunhas deficiencias provocadas polo paso do tempo. Este lugar é utilizado cada ano por miles de mozos que acoden aos servicios de información, á ludoteca, ao cíber e á sala de exposicións, entre outras instalacións.

Estes mozos deben dispoñer dun lugar en mellores condicións e o patrimonio público dos cidadáns de Vigo debe ser conservado para revitalizar a herdanza recibida.

Recuperar a confianza

Cada un dos alumnos, individualmente, ten algo que recuperar neste obradoiro de emprego: a confianza en conseguir un posto de traballo con garantía e seguridade. Sairán cunha formación adecuada na especialidade que elixan para poder atopar un emprego axeitado.

Datos de interese

Especialidades formativas:
-Albanelería
-Fontanería
-Electricidade
-Carpintería
-Xardinería

Equipo de formadores:
-director
-titor-responsable de formación
-monitores para cada especialidade
-administrativo
-profesor de educación compensatoria
-profesor de inserción laboral

Colaboración de concellerías:
-Xuventude
-Deportes
-Parques e Xardíns
-Medio Ambiente

Orzamento:
-O importe do plan formativo é de 763.142 euros, achegados pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.