Escoitar

O Concello desestima o recurso contra a anulación do proxecto de compensación de Finca do Conde

xoves, 26 set 2002
O Consello da Xerencia de Urbanismo acordou desestimar o recurso presentado pola Xunta de Compensación da U.E. do Pepri III-02 Finca do Conde contra a decisión municipal de anular o proxecto de compensación dese ámbito.

O Concello anulara o devandito proxecto de compensación tras ter constancia de que parte dos terreos dese ámbito son propiedade do Ministerio de Fomento e que esta institución non fora incluída na Xunta de Compensación. De feito, nun oficio enviado polo Ministerio á Xerencia de Urbanismo este mesmo mes sinálase que “a Administración Xeral do Estado ten o pleno dominio das fincas… que teñen que ser consideradas bens de dominio público”. O Ministerio subliña ademais que “os dereitos de aproveitamento urbanístico correspondentes ás fincas que expropiou no seu día pertencen á Administración Xeral do Estado, e polo tanto, son susceptibles de seren exercitados no sistema de compensación a desenvolver”.

Ante esta certificación, o goberno municipal estima que se debe volver a constituir a Xunta de Compensación da Unidade de Execución Finca do Conde, incluindo nela á Administración Xeral do Estado. En calquera caso, o acordo do Consello da Xerencia de Urbanismo vai ser remitido ao Consello Consultivo de Galicia para que exprese o seu dictame.