Escoitar

O Concello cédelle ao Consulado arxentino un local no edificio Asefal

luns, 16 set 2002
A Comisión de Goberno aprobou a proposta do alcalde de asinar un convenio co Consulado Xeral da República Arxentina para que a legación diplomática dese país en Vigo se instale provisionalmente no Edificio Asefal.

No pasado mes de maio, o goberno arxentino anunciou que ía pechar diversas legacións diplomáticas en todo o mundo, entre elas a de Vigo, debido á aguda crise económica que sofre aquel país.

A Corporación municipal, nun aceno de solidariedade co pobo arxentino, aprobou unha moción na que se acordaba ceder un local ao goberno daquel país co obxectivo de que mantivera aberto o seu consulado en Vigo. Estimouse que a permanencia do consulado en Vigo, o único dese pais en Galicia, resultaba imprescindible para prestar a debida atención a milleiros de emigrantes retornados e ás numerosas empresas galegas que manteñen relacións comerciais co país austral.

Cumprindo as directrices daquela moción, chégase agora ao acordo de ceder un espacio no edificio Asefal para que se instale nel o consulado. A cesión será por un prazo máximo de catro anos e os gastos correntes (electricidade, teléfono, limpeza) correrán a cargo da representación diplomática.