Escoitar

Desenvolvemento Local e Emprego pon en marcha un programa de actividades para a busca activa de emprego

venres, 13 set 2002
O curso de “Competencias persoais para o emprego” do Servicio de orientación laboral (SOL) inicia este mes de setembro, no marco do Plan municipal de emprego, un calendario de accións grupais dirixidas a persoas desempregadas co obxecto de facilitar a súa inserción laboral.

Está previsto o desenvolvemento de cursos de “Técnicas de busca de emprego” e a organización de “Grupos de busca” nos que se reforzarán e complementarán os aspectos básicos á hora da busca activa de emprego.

Os beneficiarios destas accións grupais serán seleccionados de entre as persoas desempregadas que, tras pasar por unha entrevista persoal cos técnicos do SOL, forman a base de datos do Plan municipal de emprego. Dependendo das carencias persoais e profesionais detectadas no acompañamento individualizado que se fai desde esta Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, adecuarase cada perfil á actividade correspondente.

Neste senso, aquelas persoas desempregadas que necesiten axeitar o seu perfil profesional ás demandas do mercado laboral participarán no curso de “Competencias reais para o emprego”, no que destaca como novidade a participación nun módulo de informática, ó ser hoxe en día unha ferramenta básica para case que tódalas ocupacións.

No caso dos obradoiros de busca de emprego facilitarase un apoio na planificación as persoas desempregadas que se atopan en busca activa, namentres que nos grupos de busca a finalidade é o coñecemento de técnicas para acadar esa inserción laboral coa dispoñibilidade de recursos de información. Estas accións grupais desenvolveranse nas aulas que a Concellería ten tanto na rúa Martínez Garrido, como na antiga Casa rectoral do Casco Vello.