Escoitar

Impartiranse 18 cursos de internet para nenos, amas de casa e persoas maiores en Teis

martes, 17 set 2002
Participación Cidadá presentou un curso de internet para nenos, amas de casa e persoas maiores que se desenvolverá, de forma gratuíta, na segunda quincena de outubro na aula de informática do centro cívico de Teis.

Impartiranse 18 cursos co obxectivo de difundir as utilidades de internet na sociedade. Cada curso terá 12 alumnos, o que supón que cando rematen 216 persoas terán formación en internet, dentro da pretensión da Concellería de Participación Cidadá de facilitarlles o acceso fácil ás novas tecnoloxías da comunicación aos vigueses.

Mariló Cabaleiro explicou que tódolos cidadáns precisan dunha nova formación e, dunha maneira especial, aqueles colectivos máis desfavorecidos pola súa situación dentro da cidade ou pola escasa formación específica da que dispoñen.

Participación Cidadá vén de facer unha aposta forte polas novas tecnoloxías e o uso intensivo de internet como acceso á información coa creación do portal da concellería www.cidadansvigo.org no que se integran os portais de asociacións.

Internet para amas de casa

Este curso pretende eliminar os temores para utilizar o ordenador e inicia as persoas no coñecemento dos programas básicos. Está dirixido a amas de casa que teñan a necesidade de aprender a manexar o computador, participar en foros, navegar polas páxinas do seu interese.

Maiores

As persoas maiores constitúen un grupo que pode beneficiarse das novas tecnoloxías como internet xa que dispoñen de tempo para aprender como funciona e aínda poden estimular a creatividade nesta etapa da vida e axudar a solventar un os problemas cos que se encontran como a soidade e o illamento.

Internet para nenos

O curso está dirixido a nenos de ensino básico (8 a 14 anos) coa finalidade de orientar a adquisición de técnicas de navegación e o bo uso da información de internet como ferramenta de apoio aos deberes escolares e como fonte inesgotable de cultura, comunicación e aprendizaxe de diversidade e tolerancia.