Escoitar

O Concello aproba as bases para subvencionar ás entidades deportivas con 600.000 euros

O alcalde de Vigo explicou que este ano adiántase a tramitación co obxecto de que os clubs poidan percibir antes que noutros anos o respaldo económico municipal. Caballero adiantou que o goberno que preside aprobará a próxima semana a concesión de outros 228.000 euros aos equipos de elite. Por outra banda, a Xunta de Goberno Local validou solicitar unha subvención de 346.000 euros para cursos de formación retribuída a 120 parados de Vigo.

venres, 2 mar 2012
1330691321caballero.JPG
Tras a celebración da sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, o rexedor informou da aprobación das bases e a convocatoria de subvencións a entidades deportivas para a tempada 2011-2012, 600.000 euros de achegas que o pasado curso beneficiaron a 167 entidades de 47 modalidades deportivas distintas.

Caballero apuntou que a tramitación destas achegas adiantouse con respecto a anos anteriores, para que os clubs poidan percibir a axuda do Concello antes. O inicio administrativo tivo lugar xa no mes de xaneiro e a próxima semana publicaranse as bases no Boletín Oficial da Provincia.

"Seguimos no apoio ao deporte da cidade", aseverou Abel Caballero, quen adiantou que a próxima semana o goberno local prevé aprobar outra achega de 228.000 euros para os equipos de elite da cidade.

Emprego
A Xunta de Goberno Local, reunida este venres en sesión ordinaria, tamén acordou solicitar da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia unha subvención de 346.000 euros para realizar cursos de formación retribuida a 120 desempregados.

Explicou o rexedor que a aprendizaxe sumaría un total de 3.600 horas, con prácticas en empresas, e impartiría materias a xestión da teleasistencia, interpretación e educación ambiental e prestación de servizos bibliotecarios, entre outros. O Concello de Vigo completaría o programa con formación propia.
Descargar todas as imaxes