Escoitar

Carmela Silva apunta que a actividade urbanística no que vai de ano moveu case 15 millóns de euros na cidade

Vigo é unha das poucas cidades españolas e galegas cunha "importante" actividade urbanística, segundo explicou este xoves a concelleira delegada da área, Carmela Silva. Durante unha rolda de prensa, a edil destacou que no que vai de ano a Xerencia concedeu 142 licenzas de obras, 42 de actividade, cun investimento de case quince millóns de euros.

xoves, 1 mar 2012
1330607426silva.jpg
A concelleira de Urbanismo, Cascos Históricos e Grandes Proxectos, Carmela Silva, explicou esta mañá que a Xerencia de Urbanismo concedeu no que vai de ano 142 licenzas de obras e 42 de actividade, cun investimento total de case 15 millóns de euros. Durante unha rolda de prensa, a edil indicou que os técnicos municipais fan un "grande esforzo" para que os prazos se axusten e conseguir reactivar a economía. En relación con outras cidades galegas ou españolas nas que a xestión urbanística está "absolutamente paralizada", en Vigo, sen embargo, si hai unha "importante" actividade porque "esta cidade non para nin nunha situación de crise como a que estamos a vivir". Insistiu na necesidade de poñer estes datos en valor porque "non é poñer en valor ao alcalde ou a o goberno, senón a unha cidade cunha enorme capacidade de seguir desenvolvendo proxectos".

Ao longo do seu balance sobre actuacións da Xerencia, aludiu á aprobación provisional da modificación puntual do Pepri de Bouzas, así como a actuacións noutros moitos ámbitos de planeamento como Samil 2, Bouza Sur, Falcoa, Pateira, o inicio da demolición da actuación polígono 11 de O Calvario ou a recepción das obras de urbanización do Parque de Navia. No tocante ao Casco Vello, "con importante de actividade urbanística", a concelleira de Cascos Históricos mencionou o remate da expropiación da Casa do Patín, a área dotacional número 6 de Abeleria Menéndez -que permitirá unha nova vía de comunicación no Casco Vello-, a licenza para o edificio do Arco de Quirós -con 14 vivendas- e a rehabilitación do edificio Carral XIII, entre outros.

Normalización urbanística
Carmela Silva avanzou que o Concello de Vigo está a levar a cabo un proceso de normalización urbanística para solucionar problemas urbanísticos que levan décadas enquistados nesta cidade. Cumprindo escrupulosamente a legalidade vixente, e realizando un esforzo para que se solucionen problemas para moitos veciños, explicou que as dúas torres de Finca do Conde -en pleito desde 1998- obterán licenza por silencio administrativo, non así o centro comercial que terá que esperar a unha resolución da Xunta de Galicia. Outro dos conflitos urbanísticos que leva desde 1999 en litixio son os apartahoteis de Samil. A este respecto, a concelleira indicou que a Xerencia de Urbanismo de mañá venres, autorizará a concesión de licenzas de obra e actividade sempre que o promotor acredite un plan de reformas e garanta o seu uso como complexo turístico.

Tamén se referiu á paralización do derrubo, previsto para hoxe mesmo, de dúas prantas do edificio de Churruca, unha vez reciba a orde do Tribunal Supremo suspendendo a actuación. Trátase, dixo a edil, dunha medida provisional ata que o Supremo resolva o recurso de casación interposto polo promotor. Silva lamentou o perxuizo dos veciños, engadindo que o Concello se limita a cumprir o mandato xudicial porque xa tiña todos os trámites completados para que a empresa Copcisa iniciara as obras de derrumbamento.
Descargar todas as imaxes