Escoitar

O concelleiro Manel Fernández anunciou aos organizadores de probas o Circuíto de Carreiras Populares 2012

Todo está preparado. A Concellería de Deportes ten listo o programa do Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares, ano 2012, que se abrirá coa carreira das Lagoas-Marcosende, a 10 km Cidade Universitaria, prevista para o vindeiro día 11.

xoves, 1 mar 2012
1330620963manel.jpg
O concelleiro e presidente de VIDE, Manel Fernández, reuniuse hoxe xoves cos organizadores das carreiras pedestres viguesas, e o próximo día 6, martes, terá lugar a gala de entrega de premios do Circuíto 2011, no museo Verbum, ás 20:00 horas.

Este Campionato de Vigo de "running", que acada a súa cuarta edición, pode presumir de terse consolidado e agora o Concello pretende que chegue de forma máis simple a todos os corredores e corredoras, especialmente aos afeccionados e afeccionadas, que son cada vez un maior número. O concelleiro socialista desvelou aos organizadores algunhas novidades e melloras que se realizaron no programa.

A vontade municipal é de "apoio a esta iniciativa, que é moi participativa e con custo soportable. O compromiso do Concello e do alcalde é de seguir apostando polo deporte", afirmou o concelleiro, que apuntou que se incluíron algunhas novidades que se presentarán ao atletismo vigués o martes no Verbum, durante a entrega de premios da edición de 2011.

Como todos os anos, a primeira carreira do circuíto será a proba da Universidade de Vigo (que remata a súa inscrición o martes ás 14:00 horas), pechando a serie de eventos o Gran Premio de Nadal, a tradicional Carreira do Pavo, en decembro.

Dende o Concello enténdese que o "boom" das carreiras populares é un excelente reclamo para o deporte saudable e por iso apóiase esta medida, que ademais reserva premios en metálico aos tres primeiros clasificados de cada categoría de idade.

O martes, como é tradicional, a gala repartirá os premios en metálico do Circuíto 2011, rematado coa Carreira do Pavo. Os deportistas que conseguiron praza no podio repartiranse máis de 7.000 euros. Dende que o circuíto se puxo en marcha en marzo de 2009, a Concellería de Deportes repartiu uns 22.000 euros en metálico.
Descargar todas as imaxes