Escoitar

Contidos da nova páxina para achegar o labor municipal aos visitantes

mércores, 11 set 2002
imx1750.jpg
Portada
As principais áreas de contidos da web do Concello de Vigo están destinadas a achegarlle o labor municipal ao cidadán. O Concello, Facendo Vigo, Actualidade, Participa, Vigo no mapa, Coñécenos e Movémonos son as seccións que contén.

O CONCELLO

Apartado que recolle todo o referente á institución e aos trámites a realizar coa administración. Esta sección desprégase en seis subseccións.

Casa do Concello Concibida dun xeito dinámico, indica os datos máis relevantes e ofrece ao mesmo tempo unha visión de conxunto do funcionamento da institución. Inclúe os datos das concellerías, dos orzamentos e das comisións de goberno.

Grupos municipais Os catro grupos políticos con representación no goberno local teñen o seu espacio nesta sección do Concello. Nela específicanse os seus compoñentes na institución municipal e inclúe ligazóns de contacto aos distintos partidos.

Pleno Apartado específico con información dos plenos municipais, a súa dinámica e finalidade. Sesións, actas, acordos...

Alcaldía Sección especial dedicada a esa institución municipal, onde se dispón dun texto de benvida, un formulario para contactar co alcalde, unha pequena biografía e algúns dos seus discursos.

Concello dixital A web do Concello centraliza e promove as actividades de relación administrativa en liña coa cidadanía. Así, implantaranse progresivamente co tempo novos formularios, xestións e documentos ás prestacións xa existentes:

- A biblioteca lexislativa. Recolle as ordenanzas municipais e outras normativas xerais que están en vigor.
- Información ao contribuínte. Servicio de información das obrigas fiscais dos cidadáns, un calendario impositivo e coas posibilidades de cumprimento.
- Convocatorias. Concursos, licitacións, subvencións e axudas. Tamén se incluirán as subvencións e axudas promovidas desde a administración local.
- Trámites en liña. O proceso de implantación dos trámites en liña ponse en marcha consonte a dispoñibilidade dos diversos impresos de xestión perante a administración, para ir incorporando progresivamente formularios de consulta e de procedementos administrativos.

FACENDO VIGO

Esta sección recolle as principais iniciativas desenvolvidas dende o concello a prol do crecemento e a promoción económica de Vigo. Esta sección divídese nas subseccións:

PXOM A web contén tanto o Plan Xeral de Ordenación Municipal do 1993, vixente neste momento, como o avance do novo. Os usuarios poden coñecer as propostas dos técnicos para a cidade e descargar os impresos nos que presentar as súas suxestións e propostas.

Vigo Futuro Todas aquelas accións impulsadas dende o Concello, cara á mellora futura da cidade, amosando o deseño que se está a facer de Vigo e aquelas apostas innovadoras realizadas pola administración local.

ACTUALIDADE

Integra unha ferramenta fundamental, o Xornal,que continúa como ata o de agora dando conta de todas as novas producidas dende a institución municipal. Ademais, achega nformacións puntuais sobre a axenda institucional, deportiva e cultural das actividades municipais máis significativas, e permite a subscrición dos cidadáns a novas de carácter sectorial.

PARTICIPA

A web do Concello non debe quedar só nun medio de comunicación unidireccional, senón que quere coñecer a opinión dos veciños. A participación cidadá constitúe un obxectivo esencial no funcionamento da páxina municipal. Deste xeito, a sección ofrece aos cidadáns a posibilidade de introducir as súas suxestións no Foro, expresar o que pensan na ”Enquisa” ou a través da ”Liña directa” coas distintas concellerías e a alcaldía. Xunto a isto, a sección inclúe unha escolma de postais de Vigo para envíar por internet.

VIGO NO MAPA

Un dos servicios fundamentais que ofrece a web é o de situar o municipio no mapa e amosar as diferentes posibilidades de comunicación.

Como chegar Con este apartado trátase de aclarar onde está localizado Vigo, en relación con Europa, a Península e Galicia, e cales son os principais accesos á cidade. Os mapas de situación complétanse cunha listaxe que recolla as distancias coas cidades que poden constituír unha referencia respecto a Vigo.

Transporte Complementando o apartado anterior, cómpre sinalar as opcións de transporte público existentes e os seus horarios, así como os medios de transporte para chegar a Vigo.

COÑÉCENOS

Esta sección está dedicada a dar a coñecer o pasado da cidade e os fitos que marcaron a súa historia, a mostrar os monumentos de especial interese e a coñecer o carácter das distintas parroquias que conforman o municipio, amosando o seu contorno, o seu patrimonio arqueolóxico, histórico, folclórico e maila súa realidade actual.

A narración faise dende unha perspectiva amena, destinada non só a aqueles que se achegan ao concello dende fóra, senón tamén aos propios vigueses.

Ademais, o apartado tampouco esquece proporcionar información acerca do clima, aspectos demográficos, medioambientais... Finalmente, considerando que os datos económicos dun concello constitúen unha das coordenadas nas que vive, inclúese unha recensión da estructura económica da bisbarra, que recolle tanto os principais indicadores económicos da cidade como as empresas máis importantes establecidas no municipio e as unidades económicas de especial relevo, polígonos e parques industriais.

MOVÉMONOS

Percorrido polos recursos e iniciativas, de diversa índole, que dinamizan a vida cidadá: de grande interese tanto para veciños como para visitantes. Nese senso, a sección abranxe a actividade deportiva, refcensionando as distintas instalacións nas que se desenvolve. A web permite descargar a normativa de solicitudes de reserva dos distintos pavillóns e canchas municipais.

A sección tamén amosa a importante rede de asociacións e entidades que traballan na cidade, eido no que se insíre a páxina de Participación Cidadá, coa posibilidade de inscribir en liña unha nova asociación no seu rexistro, xunto a información sobre o seu regulamento, subvencións e outras informacións de interese para os distintos colectivos.

Respecto á educación, o apartado recolle a lista de centros de ensino público e toda a información xerada polo Instituto Municipal de Educación, organismo encargado de xestionar a política educativa do Concello, recollendo novas, actividades e convocatorias nacidas neste eido. Na mesma sección intégrase a información sobre a Universidade Popular.

Especial atención merecen os distintos programas municipais destinados á muller. Así, inclúense, con cadansúa explicación, requisitos e horario de atención ó público, a Casa de acollida, o Centro de Información Municipal dos Dereitos da Muller, Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos, Servicio de atención domiciliaria da infancia, ou o Teléfono 24 horas.

Respecto ó emprego, a web inclúe a iniciativa da Oficina de Emprego local, cun sitio de seu onde pon en contacto ofertas con demandas de traballo.

VIGO NA REDE

Constitúe unha chamada a outros organismos nos que Vigo ten presencia, como a Fundación ProVigo, o Consorcio da Zona Franca, a Mancomunidade ou o Eixo Atlántico.

GALERÍA DE IMAXES

Descargar todas as imaxes