Escoitar
“Glaciares, ríos de xeo” reproduce a escenografía dun glaciar

A Casa das Artes acolle unha exposición sobre o mundo dos glaciares

martes, 10 set 2002
imx1745.jpg
Díptico
A concellería de Cultura e a Fundación ”la Caixa” colaboran na organización da exposición ”Glaciares, ríos de xeo” que se abre hoxe ó público e que reproduce a escenografía dun glaciar cos seus elementos dinámicos.

Actualmente o xeo cobre unha décima parte das terras emerxidas do planeta. Hai só 20.000 anos os glaciares cubrían unha superficie tres veces maior. Debido o gran volume da auga retida en forma de xeo nos glaciares, o nivel do mar situábase nuns 120 metros por debaixo do actual. Se a Terra continúa alentándose, o desxeo provocará que moitas das zonas costeiras actuais queden inundadas polo mar.

A exposición ”Glaciares, ríos de xeo” organizada pola Fundación ”La Caixa” e o Concello de Vigo trata sobre estas grandes masas de xeo, sobre o seu movemento, imperceptible pero imparable e tamén sobre as persoas que viven sobre elas: os esquimós, de forma permanente e os habitantes temporais, os científicos, durante a súas investigacións.

O tema preséntase desde a perspectiva da física, da mecánica, da formación da paisaxe, da historia e da relación co home co fin de que o espectador teña unha visión global do que representan os glaciares, a principal reserva mundial de auga doce para a vida na Terra. Maquetas de tamaño real, grandes escenografías, módulos interactivos, obxectos, fotografías e imaxes de vídeo son algúns dos elementos museográficos desta mostra que itinerará por diversas cidades españolas.

A exposición ”Glaciares, ríos de xeo”, que contou co asesoramento de Francesc Sábat e Jaume Bordonau, profesor da Universidade de Barcelona, poderase ver na Casa das Artes (Policarpo Sanz, 15) de Vigo do 10 de setembro ó 6 de outubro de 2002.
Descargar todas as imaxes