Escoitar

Chus Lago presentou unha "batería de iniciativas" do Consello Municipal da Muller para "conmemorar" o Día Internacional das Mulleres

"Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo" é o lema que agrupa as actividades preparadas para o 8 de marzo, tanto polo Consello Municipal da Muller como polo propio Concello de Vigo de xeito autónomo. Agarda a edil de Igualdade que estas accións, en particular a manifestación, "teñan moitísima concorrencia e moitísima xente que se achegue" a participar.

martes, 28 feb 2012
1330434348chus.jpg
Baixo o lema "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", o Consello Municipal da Muller celebrará este ano o día 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres.

Os actos conmemorativos terán lugar en dúas datas, o sábado día 3, e o mesmo día 8. Deste xeito, o sábado día 3 haberá unha Festa polo Día Internacional das Mulleres, na Praza da Constitución, desde as 13:00 horas ás 19:00 horas, e inclúen actuacións musicais para todos os gustos. Así, esta céntrica praza transformarase nun lugar de encontro das mulleres da cidade e do público en xeral. A música soará de xeito ininterrumpido durante seis horas.

Ás 13:00 horas actuará a banda "Unión Musical de Valladares", unha formación musical con máis de 100 anos de historia que acadou ao longo da súa traxectoria importantes galardóns. A súa escola de música conta, na actualidade, con máis de cen alumnos e alumnas. A música na praza da Constitución seguirá pola tarde, a partir das 16:15 h. coa actuación de iRiAmc & Mariah!, dúas mozas galegas artistas do hip hop. Ás 16:30 h dará comezo a actuación do grupo de música tradicional "Arroutadas", composto por catro mozas viguesas, e as 17:30h actuará a cantante soul AYSHA. E para rematar, ás 18:00 h, AID, firme valor do rap, ofrecerá un concerto.

Os establecementos do Casco Vello sumaranse a esta xornada de convivencia coa colocación de lazos violeta que simbolizan a loita cara á igualdade e a fachada da Casa da Cultura e a farola tamén lucirán a imaxe desta campaña.

Para o día 8 de Marzo, xoves, o Consello Municipal da Muller de Vigo convoca a toda a cidadanía a participar nunha manifestación polos dereitos das mulleres. Para reafirmar aínda máis o seu carácter reivindicativo en prol das mulleres, convida ás persoas participantes a portar nela simboloxía feminista. A manifestación sairá ás 20:00 horas desde a farola de Urzáiz e rematará na Praza da Constitución.

Ao longo do mes de marzo, ademais, desenvolveranse outras actividades complementarias, como son dúas proxeccións de cine infantil no Verbum-Casa das Palabras (os domingos 11 e 18), e a proxección do documental "As silenciadas", que terá lugar no MARCO o vindeiro día 13 de marzo.

Ademais, ao longo do mes de marzo poden presentaranse, vía online, as propostas para o Concurso de Microvídeos. Este concurso convócase co fin de fomentar unha maior implicación e concienciación cidadá a favor da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. As bases e información están disponibles da web da Concellería de Igualdade: www.igualdadevigo.org.

Así mesmo, co gallo do 8 de Marzo celebrarase no salón de plenos do Concello de Vigo unha sesión plenaria específica na que participarán as integrantes do Consello Municipal da Muller. A sesión, aberta ao público, terá lugar o 8 de marzo, ás 10.00 horas.
Descargar todas as imaxes