O alcalde anuncia que a empresa promotora asumirá os traballos de desescombro do edificio derrubado no Paseo de Alfonso
O rexedor de Vigo salientou a disposición da empresa propietaria a proceder de maneira inmediata ao desescombro do inmoble e loubou o traballo dos bombeiros e efectivos policiais que participaron no operativo de seguridade
Abel Caballero explicou que onte, e por causas que aínda se descoñecen produciuse o derrubo dun inmoble de vivendas sito no Paseo de Alfonso no que se estaban a realizar traballos de demolición controlados. O rexedor, así mesmo, subliñou que en ningún momento se produciu situación algunha de perigo, nin para as persoas nin para os edificios colindantes e, engadiu, que o dispositivo de seguridade se activou de maneira unicamente preventiva. Tamén destacou o alcalde que dende o primeiro momento os técnicos da Xerencia de urbanismo se desprazaron ao lugar para supervisar os traballos de desescombro, despois de facer un requerimento á empresa promotora para que asuma o custe de ditos traballos e restableza a situación de normalidade na zona.