Escoitar

A Corporación solicita a Xunta de Galicia a creación dun fondo de cooperación económica cos municipios

A iniciativa do grupo socialista, e co apoio dos nacionalistas, o Pleno da Corporación Municipal de Vigo instou hoxe xoves á Xunta de Galicia á creación dun fondo de cooperación económica para que a cidade perciba os fondos correspondentes ás competencias autonómicas que xa asume, tal e como as Autonomías perciben do Estado. A concelleira de Economía, Raquel Díaz, recordou que moitos servizos públicos de competencia autonómica os asume o goberno local sen contrapartida económica.

xoves, 8 set 2011
A concelleira socialista apuntou asemade que o Estado transferiu ás Comunidades Autónomas 11.000 millóns de euros en virtude dun acordo de 2009 para sufragar competencias transferidas ás últimas.

O que solicita o Pleno vigués é un modelo de cooperación económica similar que permita aos municipios, e singularmente ao Concello de Vigo, recibir os fondos correspondentes polos serivzos que ofrece sendo de competencia autonómica.

A proposta obtivo o respaldo do grupo municipal nacionalista para ser preciso para asumir o gasto social necesario actualmente, en particular para os dependentes ou para a axuda no fogar. Os nacionalistas defenderon crear este fondo para dar cobertura ás necesidades sociais dos máis desfavorecidos e enfocalo igualmente á xeración de emprego. O Partido Popular de Vigo rexeitou a proposta e votou en contra da mesma.

Transporte sanitario
Outra moción presentada polo grupo socialista, e respaldada polo BNG, instou á Xunta de Galicia a restituir o transporte sanitario en Vigo, tras a decisión do goberno de Núñez Feijóo de retirar unha ambulancia con sede na primeira cidade de Galicia, amén doutras catro en todo o territorio galego.