Escoitar

Caballero informou da redacción dos proxectos de construción das escolas infantís municipais en A Seara, A Doblada, Navia e Lavadores

Tal e como informou o alcalde en declaracións aos medios, o Concello de Vigo ten iniciado a redacción dos proxectos para a construcción de catro novas escolas infantís municipais, ubicadas en A Seara, A Doblada, Navia e Lavadores, co obxectivo de acadar o próximo curso unha oferta municipal de 1.000 prazas. Ademais, Caballero esixiu á Xunta de Galicia que amplie os comedores escolares para poder cubrir as 4.257 solicitudes de beca que recibiu o Concello.

mércores, 7 set 2011
1315400840educacion.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores do inicio da redacción dos proxectos de construcción de catro novas escolas infantís municipais, en A Seara, A Doblada, Navia e Lavadores.

Segundo indicou, o obxectivo de cara ao próximo curso é contar cunhas 1.000 prazas en garderias municipais para dar cobertura á demanda existente, sumando ás catro que operan actualmente e as tres que o Concello está a ultimar, con previsión de iniciar a actividade docente ao longo do presente curso.

Becas
O alcalde de Vigo mantivo esta mañá unha reunión cos pais e nais de alumnos e o profesorado de cara ao inicio de curso, un inicio que Caballero ve con "preocupación" polas condicións coas que o comeza a Xunta de Galicia.

Afirmou Caballero que o goberno autonómico "non está a cumprir os seus compromisos" e advierte de "deficiencias" en instalacións educativas e comedores escolares. A este respecto, o alcalde informou que o Concello recibiu 4.257 solicitudes de beca de comedor para este curso e, pese a que a vontade municipal é conceder todas as que cumpran os requisitos sen límite orzamentario, o problema é que a Xunta non ampliou os comedores, polo que un número moi importante das becas solicitadas non poderán ser atendidas por falta de espazo.

O goberno local tamén recibiu 2.250 peticións de beca para libros o que, sumadas as de comedor, representa máis do dobre de solicitudes que no pasado curso. Á vista destes datos, o rexedor vigués esixiu da Xunta de Galicia que cumpra o comprometido hai dous anos, é dicir, rematar coa ampliación do comedor de Balaídos, e facer os de Illas Cíes, Otero Pedraio, Pintor Laxeiro e Pombal.

Pola contra, Caballero asegurou que o Concello ampliou os comprometidos e este verán desembolsou 350.000 euros nos comedores de Escultor Acuña, Castrelos-Pereiró, Candeán- Igrexa, Mestres Goldar e Paraixal. "Estamos indo moito máis alo" das competencias municipais, asegurou.

Profesorado
Abel Caballero sumouse ás reivindicacións do colectivo e denunciou a "falta de apoio e atención da Xunta de Galicia ao profesorado", xa que é "moi importante" que a comunidade educativa sexa respaldada e atendida para o nivel de calidade que require a educación. O alcalde ve con "preocupación" un inicio de curso con recortes en contratos de persoal e un profesorado non respaldado pola administración competente.
Descargar todas as imaxes