Escoitar

O rexedor insta á Xunta a voltar á senda da cooperación no tax lease do naval

Abel Caballero subliñou hoxe martes "a importancia de que todas as administracións rememos na mesma dirección" para solucionar o problema do tax lease. En declaracións aos medios, o rexedor lembroulle á Xunta "a súa obriga de apoiar ao Goberno de España" na súa negociación coa Comisión Europea posto "que non creo que sexa convinte que aparezan voces discordantes". Nesta liña, confirmou que o Goberno Central xa enviou as alegacións correspondentes coa petición de que se resolvan no mes de setembro.

martes, 2 ago 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou hoxe martes a importancia de que "todas as administracións rememos na mesma dirección" para solucionar o problema do tax lease. En declaracións aos medios de comunicación, o rexedor instou á Xunta "a apoiar ao Goberno de España" na súa negociación coa Comisión Europea, argumentando que "non creo que sexa convinte que aparezan voces discordantes". Insistiu na necesidade de que Concello, Xunta e Goberno Central "camiñemos na senda da cooperación" nun tema tan importante para Galicia e para Vigo.

Caballero criticou, deste xeito, o anuncio da Xunta de dirixirse "pola súa" conta á Comisión" xa que esta actitude "réstanos forza en Bruxelas". Ao tempo que remarcou o apoio total do Concello de Vigo as xestións do Goberno Central, confirmou que desde Madrid "xa se enviaron as alegacións correspondentes coa petición de que se resolvan en setembro". As alegacións, abundou, cualifican o sistema do tax lease como legal e destacan o "dano irreparable" que a súa supresión suporía para o naval galego e español.