Escoitar

Caballero ofrece á Xunta e Deputación "cooperar" para habilitar liñas nacionais e internacionais en Peinador

O alcalde de Vigo ofreceu hoxe martes á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra "cooperar" para habilitar rutas nacionais e internacionais desde o aeroporto de Vigo. Caballero asegurou que "non quero máis polémicas" e ofertou conversar ás administracións para impulsar Peinador, "o aeroporto a potenciar". O primeiro edil citou Paris, Londres, Francfort e o norte de Italia como destinos internacionais centrais para Vigo.

martes, 2 ago 2011
1312288283Imagen005.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ofreceu á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra "cooperar" para habilitar liñas aéreas nacionais e internacionais para o aeroporto de Peinador.

En declaracións aos medios, o rexedor asegurou que "non quero máis polémicas" sobre rutas aéreas en Galicia e tendeu a man ás administracións provincial e autonómica para facer "todos os esforzos" para o establecemento e consolidación de novas rutas.

Abel Caballero apuntou que "estamos nunha Galicia diferente" que require que sexa o de Peinador "o aeroporto a potenciar", sen supeditarse a nungún outro aeródromo galego. O alcalde avogou por establecer conexións "centrais" para Vigo con París, Londres, Francfort e o norte de Italia.

"Creo que debemos iniciar unha nova etapa de cooperación das tres administracións por e para o aeroporto de Vigo", abundou Abel Caballero, quen adiantou que no mes de setembro manterá unha reunión cos directivos de Vueling para analizar os datos e tomar unha decisión sobre a continuidade do voo Vigo-Londres, contratado polo Concello.
Descargar todas as imaxes