Escoitar

Abel Caballero felicitou a Thiago Alcántara polos seus éxitos e entregoulle o premio VIDE de mellor futbolista sub 21 da tempada

Thiago Alcántara, centrocampista do Fútbol Club Barcelona e fillo do excéltico Mazinho, foi recibido hoxe polo alcalde da cidade, Abel Caballero, que lle fixo entrega do premio VIDE, o trofeo ao mellor xogador nacional sub 21 da tempada 2010/2011.

venres, 15 xul 2011
1310736136thiago.jpg
O xogador azulgrana, que o luns 18 incorpórase á pretempada do equipo que dirixe Pep Guardiola, atópase estes días de vacacións na cidade onde comezou a súa formación futbolística. Thiago estivo acompañado pola súa nai, Valeria Alcántara, que foi xogadora de voleibol e que en Vigo militou hai anos no Xuvenil de Teis, e pola súa irmá Thaisa, xogadora do Celta Bosco infantil de baloncesto feminino.

Abel Caballero departiu co internacional e a súa familia en Alcaldía, onde fixo entrega ao flamante campión de Europa sub 21 do premio VIDE. O premio, decidido polo comité organizador da Vigo Cup o pasado 28 de abril, deuse a coñecer o 30 de xuño pasado na presentación da Vigo Cup, torneo internacional de fútbol base.

Durante a recepción, o alcalde deu o parabén ao futbolista polo Campionato de Europa sub 21 conquistado con España en Dinamarca, onde tamén o xogador acabou na selección ideal do torneo segundo a UEFA. "Sigo a túa traxectoria", comentoulle Abel Caballero, como bo afeccionado ao fútbol que é, e animou a que continúe acumulando éxitos. Na conversa, Thiago lembrou a súa etapa viguesa e a gran relación que ten coa cidade onde viven a súa nai e a súa irmá. Dixo que se sinte vigués e tamén que está contento no Barça e alonxado de calquera ruido de renovacións (a súa foi anunciada polo club en xuño ata 2015) ou presión mediática; "diso encárganse os axentes, eu estou pendente de xogar", apuntou.

Antes de irse ao FC Barcelona en 2005, Thiago vivía en Vigo e xogou na escola de fútbol do seu pai, Mazinho, no Nigrán e no Ureca. Os sábados pola mañá ía xogar ao complexo do Instituto Municipal de Deportes en Samil fronte aos equipos das escolas deportivas municipais. O seu irmá Rafael Alcántara, Rafinha, tamén no Barça, comezou a súa carreira nas escolas deportivas municipais de Vigo. Mazinho xogou no Celta dende 1996 ao 2000.
Descargar todas as imaxes