Escoitar

Caballero subliña que a apertura ao tráfico de Areal da "un novo paso" cara ao remate da humanización da rúa

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu este venres a Areal, que abriu hoxe ao tráfico o treito entre a rotonda da paellera e o cruce con Inés Pérez de Ceta, tras un ano pechada polos traballos de construción do aparcadoiro. A apertura permitirá a circulación en dobre sentido cun carril de circulación, que duplicará a súa capacidade en outubro, data prevista para a inauguración da humanización en superficie e do aparcadoiro soterrado.

venres, 15 xul 2011
1310736070areal.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou este venres que a apertura ao tráfico de Areal, entre a paellera e o cruce con Inés Pérez de Ceta, significa "un novo paso" cara ao remate da humanización deste vial.

En declaracións aos medios, o alcalde recordou que este treito pechouse á circulación hai un ano para iniciar unha "actuación estratéxica na cidade" nunha zona cunha dedicación "moi importante" ao ámbito económico e de ocio. Caballero definiu o vial como "vertebrador da cidade" polo que celebrou a súa apertura.

Abel Caballero adiantou que a inauguración da humanización en superficie e do aparcadoiro soterrado terá lugar no mes de outubro, segundo os prazos estipulados. O rexedor asegurou que, en plena crise, Vigo estase a converter nunha "cidade fóra de serie" coas humanizacións: "isto é Hollywood", afirmou.

O alcalde eloxiou aos arquitectos e á empresa polo traballo realizado nesta infraestrutura porque houbo "dificultades na construción", derivadas fundamentalmente dos restos arqueolóxicos atopados no lugar. Caballero recordou que este treito de humanización únese á que realiza o goberno municipal no resto da rúa.
Descargar todas as imaxes