Escoitar

O alcalde asistiu á presentación en Vigo da Campaña de Seguridade para a Náutica de Recreo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto con distintos corporativos municipais, acudiron hoxe venres ao Porto de Vigo á presentación realizada polo Ministerio de Fomento da Campaña deste ano, a cargo do secretario de Estado de Transportes, Isaías Táboas, e da directora xeral da Mariña Mercante, Isabel Durántez. A principal novidade desta campaña de verán é o uso preferente das novas tecnoloxías cun sitio específico e aplicacións para smartphones.

venres, 8 xul 2011
1310128839pns.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistiu hoxe venres á presentación a cargo do Ministerio de Fomento da nova Campaña de Seguridade para a Náutica de Recreo para este ano, que tivo lugar na Autoridade Portuaria viguesa.

Caballero ofreceu a benvida da cidade e o seu agradecemento ao traballo do Ministerio de Fomento, recoñecendo o "esforzo continuo" do Goberno de España en materia de seguridade e a súa vocación por levar adiante esta iniciativa, eloxiando que elixira Vigo para a presentación deste plan estatal.

O secretario de Estado de Transportes, Isaías Táboas, e a directora Xeral da Mariña Mercante, Isabel Durántez, presentaron esta iniciativa, centrada especialmente na difusión, mediante as novas tecnoloxías, de consellos para mellorar a seguridade nas actividades náuticas.

Xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistiron ao acto a directora de Salvamento Marítimo, Esther González Saavedra e o director Xeral da Asociación Nacional de Empresas Náuticas (ANEN), Alejandro Landaluce; e outras autoridades.

A Campaña de Verán 2011 está centrada na difusión de información útil -consellos básicos de actuación e normativas de seguridade- e diríxese principalmente aos tripulantes das embarcacións de recreo; unha flota que aumenta en número, de forma considerable, durante os meses de verán, pola presenza nas nosas augas de embarcacións de recreo de bandeira estranxeira. Tamén se dirixe aos miles de cidadáns que practican deportes e actividades náuticas.

Táboas destacou que "a seguridade no mar comeza coa prevención e quixemos facer accesible esa cultura da prevención a todos os tripulantes alí onde están, a través das novas tecnoloxías".

Este é un dos obxectivos recollidos no novo Plan Nacional de Salvamento (PNS) 2010-2018, que persegue reforzar a seguridade e a protección marítimas. Ademais, o PNS oriéntase ao reforzo da prevención e a concienciación dos profesionais e usuarios da mar, ademais do fomento da difusión da cultura da seguridade.

Seguridade na Náutica de Recreo a través das novas tecnoloxías
Como novidade máis destacada, a Campaña de Seguridade na Náutica de Recreo 2011 utiliza as novas tecnoloxías para achegar os consellos de seguridade aos usuarios. Concretamente, creouse un microsite (www.seguridadnautica.es) que ofrece a posibilidade de consulta sinxela, grazas á súa aparencia áxil e intuitiva.

Así mesmo poderanse realizar consultas a través da aplicación desenvolvida para teléfonos móbiles -en contornas iphone e android-, que recolle as comprobacións que se deben realizar antes de partir para asegurar a travesía. Os consellos están recopilados nas guías "Consellos prácticos de seguridade nas actividades náuticas" e "Guía para a náutica de recreo".

Exercicio de salvamento
Tras a presentación da campaña, realizouse un exercicio consistente no simulacro dun incendio a bordo dunha embarcación de recreo. Ante a imposibilidade dos tripulantes de sufocar o lume, decidiron abandonar a embarcación lanzándose ao mar. Inmediatamente activouse o helicóptero de Salvamento Marítimo -"Helimer 211"-, que se encargou de rescatar aos dous tripulantes. A continuación a "Salvamar Mirach", tamén de Salvamento Marítimo, remolcou a embarcación sinistrada a porto seguro.
Descargar todas as imaxes