Escoitar

O concelleiro de Cultura asegura que a décima edición do Marisquiño volverá bater récords de participación

A décima edición do festival de deportes e cultura urbana O Marisquiño, que terá lugar entre os días 5 e 8 de agosto, pretende superar os espectaculares datos do último ano, segundo explicou o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López. "O ano pasado houbo 750 participantes de todo o mundo, 45.000 espectadores, 300.000 visitas on-line nunha fin de semana e máis dun millón de reproduccións de todos os vídeos colgados na rede. Pois todas estas cifras, que son incribles, vanse quedar pequenas na presente edición", manifestou López.

xoves, 29 xul 2010
1280474129marisquino.JPG
O Marisquiño comezou no ano 2001 como un simple campionato de skate e agora é un acontecemento mundial da cultura e o deporte urbano, no que están presentes os mellores especialistas do mundo. O concelleiro quixo agradecer o traballo do director do festival, Carlos Domínguez, Pity, xa que "sen o seu esforzo sería imposible lograr o que é actualmente o festival: música, deporte, cine, arte na rúa... Un gran evento que é posible grazas a el, a alma do Marisquiño". Xesús López tamén agradeceu o esforzo dos patrocinadores e de forma moi especial do Xacobeo e do seu director xerente, Ignacio Santos, que acudiu tamén ao acto de presentación do festival.

Pola súa banda, o responsable do Xacobeo explicou que "este festival cumpre todos os condicionantes para forma parte do programa "Galicia o vivo" e por iso conta co noso apoio. Ademais isto permítenos artellar unha programación descentralizada, con contidos diferentes e que abarca a todos os públicos".

O máximo responsable do Marisquiño, Pity, recordou os inicios e recoñeceu que "nunca pensamos chegar tan lonxe" e explicou que na programación deste ano hai moitas novidades como o Freestyle Motocross "é unha das grandes atraccións deste ano, un salto de 35 metros de lonxitude onde os pilotos poden alcanzar alturas de máis de 8 metros coa ría de fondo. Normalmente este espectáculo é de pago, pero a nosa filosofía non nos permite cobrar polo que seguirá sendo un espectáculo de balde". Pity tamén destacou a novidade do ciclo de cine (día 31 de xullo no Marco) e que a programación musical aumentou de un día a catro.

O Marisquiño desenvolverase entre os días 5 e 8 de agosto e todas as actividades deportivas e culturais (coa excepción do concerto de Public Enemy que se celebrará no auditorio de Castrelos) terán lugar diante da explanada do Náutico de Vigo.

*Máis información na web www.omarisquino.com
Descargar todas as imaxes