Escoitar

”A maxia da singularidade” chega ao Museo Liste

martes, 7 mai 2002
imx1381.jpg
Obxectos
A concelleira de Patrimonio Histórico, Carmen Corbalán, inaugura a exposición ”A maxia da singularidade” que permanecerá aberta ata o 31 de maio no Museo Liste. Tódalas pezas expostas, propiedade do Museo Liste en Oseira, son froito dunha recollida sistemática dirixida a irmandar nun conxunto sorpresivo aqueles obxectos dispares na súa función, pero comúns na súa forte singularidade.

Moitos destes obxectos teñen un carácter persoal, de producción subxectiva que nun momento dado intentaron dar resposta a unha demanda que trata de resolver algún problema puntual na vida cotiá. O fío conductor que os une é a singularidade froito da súa escaseza.

Amósanse con esta selección un grupo de trebellos que, dentro de seu aspecto formal, posúen o alento dos seus manipuladores, que camiñará a pé deles ata a súa extinción. Son ao mesmo tempo chamadas e respostas do enxeño. Son forzas ocultas do arcano que interrompen o tedio do seriado. Son, ó cabo, voces que nos espertan á reflexión.

A mostra poderase visitar de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas, os domingos de 11:00 a 14:30 e os luns e festivos estará pechada.
Descargar todas as imaxes