Escoitar

O Concello pídelle ao Goberno arxentino que rectifique a decisión de pechar o Consulado en Vigo

martes, 7 mai 2002
O alcalde, Lois Castrillo, ante o anuncio do peche do Consulado arxentino de Vigo convocou á Xunta de Voceiros que aprobou un acordo para manifestar a súa preocupación. Castrillo envioulle unha carta ao embaixador de Arxentina en Madrid na que solicita que lle transmita ao ministro de Relaciones Exteriores arxentino o malestar de Vigo polo anuncio do peche do consulado co obxectivo de que reconsidere esta decisión.


DECLARACIÓN DA XUNTA DE VOCEIROS DO CONCELLO DE VIGO SOBRE O PECHE DO CONSULADO ARXENTINO

A Xunta de Voceiros do Concello de Vigo manifesta a súa preocupación polo anuncio do Goberno arxentino do próximo peche da legación diplomática que mantén aberta na nosa cidade dende hai máis dun século.

Os grupos políticos con representación no concello vigués consideramos que esa decisión vai causar enormes prexuízos á ampla colonia de cidadáns arxentinos que reside na nosa cidade e en toda Galicia, xa que o de Vigo é o único consulado arxentino que funciona na nosa comunidade. Igualmente se verán enormemente prexudicados por esta decisión milleiros de galegos retornados do país austral e as numerosas empresas que habitualmente manteñen relacións comerciais con Arxentina e que utilizan os servicios desta representación diplomática.

O peche do consulado é unha decisión especialmente inoportuna nestes momentos en que se está a producir unha intensa corrente migratoria dende Arxentina a Galicia. A atención que veñen recibindo os arxentinos que se establecen no noso país por razóns de traballo ou os galegos que deciden regresar á terra trala súa estadía de anos en Arxentina verase inevitablemente afectada por esta medida.

Todas estas razóns lévannos a pedirlle ao Ministerio de Relaciones Exteriores de Arxentina que reconsidere a súa decisión de pechar as portas da súa representación diplomática en Vigo. Así mesmo, o Concello de Vigo reitera a súa solidariedade co pobo arxentino nestes momentos nos que atravesa por serias dificultades e manifesta a súa confianza en que saberá superar estes problemas.

Vigo, 7 de maio de 2002