Escoitar

O alcalde recibe a escolares de Porto que participan nun intercambio con colexios públicos vigueses

luns, 6 mai 2002
imx1379.jpg
Recepción
Esta semana o Concello de Vigo recibe na cidade a visita dun cento de mozos e mozas procedentes de Portugal, concretamente da cidade de Porto. Esta visita encádrase dentro dun programa de intercambio entre estudiantes das dúas cidades con alumnos da Escola S.Joao e da Escola do Alexo.

No intercambio inclúense numerosas visitas ás entidades sociais, económicas e culturais de Vigo e da provincia de Pontevedra. Hoxe foron recibidos na Casa do Concello, onde o alcalde, Lois Castrillo, lles deu a benvida. Castrillo manifestou que a mellor forma de garantir a colaboración futura entre Vigo e Porto e facendo que as xeracións máis novas das dúas cidades se coñezan e relacionen.

O programa “Vigo–Porto, compartimos as cidades” é un dos froitos do protocolo de colaboración asinado entre os alcaldes de Vigo e Porto. Con ese acordo perséguese estreitar os lazos entre as dúas cidades ampliando os eidos de colaboración e organizando intercambios culturais e educativos como o que se realiza esta semana.

Os participantes no intercambio visitarán o martes pola mañá o porto pesqueiro e pola tarde a factoría de Citroën. O mércores 8 de maio as saídas vespertinas serán ó Museo Liste, ó Museo Quiñones de León, ó parque de Castrelos e á praia de Samil. O venres 9 de maio está previsto que os estudiantes realicen unha visita ás Illas Cíes e o sábado 12 rematarán a súa estancia na cidade cunha visita a Vigozoo. Durante tódolos días que dure a visita realizaranse actividades nos colexio públicos vigueses que acollen ós estudiantes procedentes de Portugal.

Os centros vigueses que participan neste proxecto son o CEIP Mosteiro-Bembrive, CEIP O Pombal, IES Valentín Paz Andrade e IES Teis. Tamén colabora con esta iniciativa a Armada, que cedeu as súas instalacións da ETEA para que pernocten os estudiantes de intercambio.
Descargar todas as imaxes