Escoitar

Xesus López anuncia que o grupo de hip hop Public Enemy abrirá o festival O Marisquiño o 5 de agosto en Castrelos

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este martes que a mítica banda de hip hop Public Enemy será a encargado de inaugurar a décima edición de O Marisquiño o vindeiro 5 de agosto no auditorio de Castrelos. Será o único concerto do grupo neoyorkino no Estado. Segundo dixo o concelleiro nacionalista na presentación do concerto, o festival "non só trae boa música, senón tamén novidades e precisa xa de novos espazos".

martes, 25 mai 2010
1274787915Enemy.JPG
Xesus López destacou que O Marisquiño converteuse co paso do tempo nun "evento multidisciplinar". Lembrou que os concertos centrais se viñan celebrando no peirao de Trasatlánticos, pero que nesta edición se decidiu trasladalos "ao mellor escenario que temos en Vigo e probablemente en Galiza", como é o renovado auditorio de Castrelos.

Para o concelleiro de Cultura, Public Enemy é un "grupo mítico de hip hop", que conta xa con 14 discos no mercado. Xesus López explicou que da súa factura son algúns himnos xeracionais e temas xa míticos. Sinalou tamén que o prezo das entradas será de 10 euros mercándoas anticipadamente e 12 euros en taquilla.

O responsable da produtora Sweet Nocturna, David Lago, dixo que o traslado da inauguración do festival ao auditorio de Castrelos supón "un novo reto". Neste sentido apuntou que o concerto de Public Enemy precisa o traslado de dezaseis persoas "voando de Nova York a Vigo", que permitirá ter en exclusiva ao grupo na nosa cidade.

Salientou que Public Enemy conta cun "curriculum brutal", con case trinta anos de traxectoria, xa que a súa historia se remonta ao ano 1982. Como mostra da transcendencia da súa música, mencionou que a revista Rolling Stone incluíu á banda na lista dos 100 artistas máis importantes da historia, situándoos no posto 44, diante de nomes como Police, Radiohead ou AC/DC. Asemade, indicou que revista Q magazine elixiu en 2009 ao seu cantante Chuck D entre os 50 mellores vocalistas de todos os tempos.

O responsable da organización de O Marisquiño, Carlos Domínguez, agradeceu nomeadamente o apoio amosado pola Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Cultura, Xuventude e Deprotes, en especial na súa aposta para que o festival non marchase de Vigo. "Houbo conversas para levar o festival fóra de Vigo, en concreto a Berlín, pero somos de Vigo e aquí queremos quedarnos", asegurou.

Salientou que na actual edición de O Marisquiño haberá diversas novidades, entre as que figuran que a inauguración do festival sexa no auditorio de Castrelos. "Pensamos en ocupar novos espazos, porque o festival medra ano a ano", comentou. Avanzou que, como novidades, O Marisquiño incluirá un novo deporte, "que sairá por primeira vez en Galiza e o noroeste peninsular" e que se estreará unha web con rede social "coa que queremos acadar o liderádego no ámbito do deporte e a cultura urbanos".

Ademais do concerto de Castrelos, Carlos Domínguez indicou que haberá axenda musical ao longo de todo o fin de semana, "de xeito que se cuadriplicará a oferta", apuntou. Destacou que o festival se atopa "nun bo momento para ofrecer un bo espectáculo" e que dende a organización agardan ter arredor de 60.000 persoas visitando o evento.
Descargar todas as imaxes