Escoitar

Xesus López destaca a singularidade do festival SinSal, que continúa cun concerto o 8 de abril no Marco

O concelleiro de Cultura, Xesus López, destacou este mércores a singularidade do festival SinSal, que ofrecerá o seu seguinte concerto o 8 de abril no Museo Marco, coa actuación de Lisa Germano e Philip Selway, o batería da banda Radiohead. O nacionalista salientou asemade que se trata dun dos festivais de máis calidade e máis éxito da cidade, que presenta novamente, na súa octava edición, unha programación innovadora e comprometida.

mércores, 17 feb 2010
1266413918cartelsinsalinvierno.jpg
Xesus López afirmou que o SinSal se enmarca na variada programación cultural de Vigo xa consolidada. "É un programa de primeiro nivel que non vai dirixido a grandes masas pero que coloca á cidade no circuíto dos grandes festivais", destacou na presentación, na que tamén participaron Julio Gómez, da organización do festival, e María Pereira, en representación de Caixanova.

O representante da organización, Julio Gómez, explicou que o vindeiro concerto terá lugar no Marco o 8 de abril, a cargo de Lisa German e Philip Selway. Na actuación, na que estarán acompañados polo baixista Sebastian Steinberg, presentarán as súas novas cancións. Posteriormente, o 18 de abril, actuarán as bandas Sunburned Hand of the Man and Emeralds, tamén no Marco. Xa a finais de maio, nun espazo aínda por determinar, actuará a banda de rock Shellac.

O concelleiro de Cultura anunciou que a edición deste ano presenta a novidade de SinSal Insólitos, que se desenvolverá en espazos singulares da cidade. Ao respecto, Julio Gómez indicou que esta idea xorde porque a organización cre que o festival "debe cubrir ámbitos máis especializados de artistas de longa tranxectoria" dirixidos a un público de 30 ou 40 persoas. A primeira actuación correspondente a esta proposta será o 23 de abril, co concerto de música sintética a cargo de Oneohtrix Point Never. O 17 de xullo terá lugar o seguinte concerto de Sinsal Insólitos, coa actuación de Phil Niblock, "un dos grandes da música do século XX", segundo Julio Gómez.

Xesus López felicitou á organización do SinSal "porque son artífices na consolidación do festival ao longo destes anos cunha programación certamente arriscada". Pola súa banda, María Pereira destacou que o Sinsal é un festival "sen prexuízos, sen etiquetas, pero con calidade", polo que expresou os seus parabéns ao seu equipo organizador e á Concellería de Cultura, porque fan posible que "propostas insólitas teñan cabida na programación cultural da cidade".
1266413918cartelsinsalinvierno.jpg
1266413936sinsal2010.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información