Escoitar

Conferencia sobre ”A Forxa Tradicional en Galicia”

martes, 16 abr 2002
imx1305.jpg
Pezas da exposición
A concellería de Patrimonio Histórico organiza unha conferencia sobre ”A Forxa Tradicional en Galicia”, a cargo de Clodio González Pérez, etnógrafo e historiador, que terá lugar ás 20 horas na Casa Galega da Cultura. A conferencia forma parte dos actos da programación da exposición ”As lembrazas de ferro” que se amosa na Instituto Camoens.

Clodio González é secretario da sección de Etnografía e Folklore do Instituto ”P. Sarmiento” de Estudios Galegos, vocal da Xunta Rectora e membro do Patronato do Museo do Pobo Galego, membro da Xunta Rectora da Fundación Castelao, colaborador da Gran Enciclopedia Gallega e asesor da Enciclopedia Galega Universal.

A conferencia centrarase nun repaso histórico e documentado sobre a forxa tradicional. Nas últimas décadas o oficio de ferreiro sufriu grandes cambios, debido á introducción de máquinas modernas para traballar o ferro, desaparecendo a maioría dos talleres tradicionais que se dedicaban a forxar ferramentas.

Clodio González falará da producción e o traballo tradicional do ferro en Galicia: ferrerías, mazos, ferróns e ferreiros. O historiador di que ”a producción tradicional do ferro desapareceu en Galicia nas últimas décadas do século XIX. Actualmente, non quedan máis que as ruínas das grandes ferrerías-fundicións, situadas nas provincias de Lugo e Ourense, pero sobre todo na primeira. Aínda que hai varios xacementos, os máis importantes foron o de Formigueiros (O Caurel) e a Veneira de Roques (Pobra do Brollón), que abastecían de mineral á maioría destas industrias, tanto galegas, como tamén bercianas”.

Descargar todas as imaxes