Escoitar

Constituída a Agrupación de Desenvolvemento da Área de Vigo

mércores, 10 abr 2002
Os axentes económicos e sociais da Mancomunidade asinaron hoxe o lanzamento do Proxecto Compás para crear emprego e promover a igualdade de oportunidades. O presidente da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, Lois Pérez Castrillo, cualificou de “fito” nas políticas de promoción de emprego da zona a suscrición por parte de tódolos axentes sociais dun acordo que fará posible o desenvolvemento dun proxecto para lograr a inserción laboral de sectores sociais desfavorecidos como é o Compás.

Castrillo pronunciouse deste xeito durante a firma no Club Financiero Vigo do convenio de creación da Agrupación de Desenvolvemento do programa, un organismo promovido pola MAIV no que participan sindicatos, empresarios, Caixas de Aforro, Xunta e Deputación de Pontevedra.

O alcalde sinalou que o proxecto, enmarcado na inicitiva comunitaria Equal, marca o inicio dunha “nova andaina” no ámbito da inserción laboral na Mancomunidade, etapa que segundo apuntou está caracterizada pola “confluencia de vontades e a coordenación de esforzos”.

Ó acto asistiu unha nutrida representación de rexidores da MAIV, o presidente da Deputación de Pontevedra, Manuel Abeledo, e os representantes dos outros organismos que suscribiron o acordo. Todos eles coincidiron en subliñar a importancia do proxecto Compás para solucionar o que calificaron como un dos problemas máis importantes da área, ó tempo en que algúns deles sinalou o convenio como o comezo do que podería concluír nun “pacto local para o emprego”.

A firma, presentada polo concelleiro delegado para o programa Compás, Delfín Fernández, tivo lugar no marco dun encontro no que se pronunciaron diversas conferencias sobre a inserción laboral na comarca. Así, a técnica da Unidade de Promoción e Desenvolvemento María Xosé Piñeiro fixo unha exposición sobre a situación económica e laboral da área intermunicipal, facendo fincapé na influencia de Vigo sobre os concellos do entorno e sobre a situación do desemprego neste territorio. Respecto ós datos de desemprego, salientou o feminino, xa que un 63 por cento dos parados son mulleres fronte ó 37 de homes.

A profesora da Universidade de Santiago Rosa Verdugo, pola súa banda, presentou un estudio sobre a situación na que se atopan os emigrantes retornados e as dificultades de reinserción laboral, especialmente os procedentes do continente americano. A directora do proxecto Compás, Ana Pascual, explicou o contido do programa financiado pola Unión Europea, que achegarase a preto de dúas mil persoas coas que se fará un itinerario laboral que pasa pola preparación e a incentivación para acceder ó mercado laboral ou promover a creación de novas iniciativas empresariais.


Dicurso do alcalde

Institucións públicas e axentes sociais da área de Vigo comezamos hoxe unha nova andaina no ámbito da promoción do emprego e da actividade económica, unha nova etapa marcada pola confluencia de vontades e a coordinación de esforzos para loitar entre todos contra o desemprego.

Sucesivas indicacións e recomendacións da Unión Europea inciden en que é no ámbito local onde residen boa parte dos recursos e condicionantes que fan válidas ou non as políticas de emprego que dende as diferentes administracións públicas se promoven. Tamén se insiste, como non podía ser doutro xeito, no decisivo papel a xogar polos axentes sociais na correcta implementación destas políticas.

O “Acordo Marco polo emprego na Área Metropolitana de Vigo” foi a nosa resposta a esas recomendación e hoxe representa xa un fito nas políticas de promoción do emprego aplicadas na nosa bisbarra. No momento da súa sinatura principiou un proceso de coñecemento mútuo, de traballo en común e de compromiso no que administracións, empresarios, sindicatos e outras entidades expresaron a súa firme vontade de camiñar xuntos no relativo á promoción do desenvolvemento socioconómico da nosa área. Esa actitude poderá ser mostrada no futuro como exemplo de cooperación noutras zonas do pais.

Todas as organizacións e entidades asinantes deste “Acordo de constitución da Agrupación de Desenvolvemento Equal-área metropolitana de Vigo” teñen unha forte presencia no noso territorio e desenvolven actuacións contrastadas de fomento do emprego. Agora é o momento de poñelas en común, para que, con ese coñecemento compartido, podamos entre todos mellorar a súa eficacia e eficiencia.

Un primeiro e importantísimo reto que temos xa os asinantes deste “Acordo de constitución da Agrupación de Desenvolvemento” é o de comezar, ao abeiro da Iniciativa Comunitaria EQUAL, o camiño dun ambicioso proxecto experimental que permitirá consolidar esta andaina de traballo en común, así como afondar na idea de que só en rede e mediante a cooperación dos diferentes actores pode terse a seguridade de que os esforzos se traducen en resultados positivos de emprego e renda.

O proxecto, que será validado antes do día 15 de maio diante da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo, terá un importe total próximo ós 3 millóns de euros, e permitirá a posta en marcha dun sistema integrado de atención personalizada aos demandantes de emprego con algunha dificultade de inserción no mercado laboral. O noso sistema tentará minimizar os efectos dos diferentes factores de desigualdade que inciden no acceso ao emprego utilizando novos recursos e metodoloxías de actuación específicamente deseñadas para ese fin. Nese sentido tentaranse artellar compromisos bilaterais entre os xestores do proxecto e os beneficiarios, un sistema de información específico e o que se deu en denominar marketing de inserción. Ademáis, a execución do proxecto apoiarase no uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación e na avaliación contínua da calidade durante todo o proceso.

Para mín, como Presidente da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, é unha honra representar á entidade impulsora deste proceso no que só pode haber beneficiados e do que, de seguro, estaremos orgullosos no cabo de pouco tempo.

Moitas gracias.