Escoitar

O Concello incluirá o inventario dos nomes de lugares na redacción do novo Pxom

martes, 9 abr 2002
imx1275.jpg
Precedo, Castrillo e Corbalán
O alcalde, Lois Castrillo, asinou un convenio de colaboración co delegado da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, Andrés Precedo Ledo, para a realización dun inventario da microtoponimia do Concello de Vigo.

Este programa contribuirá á actualización e mellora das bases cartográficas aproveitanto o asesoramento da comisión de toponimia. A incorporación da toponimia á cartografía servirá de base ao planeamento urbanístico na redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Este labor de recuperación dos nomes de lugares é tamén un labor de recuperación da cultura e da lingua propia deste país, indicou Castrillo. Nomes de entidades de poboación, hidrónimos e nomes de terras son expoñentes da riqueza lingüística de Galicia.

Precedo Ledo destacou a transcendencia deste convenio, que constitúe un paso máis para a recuperación da memoria histórica a través da toponimia. En total, preténdese a recuperación de tres millóns de nomes de lugares de toda Galicia antes de que se perdan, debido a que o seu coñecemento e localización están vencellados aos maiores. Este inventario iniciouse en comunidades de montes e concellos rurais pero agora esténdese ás urbes galegas.

Neste programa participarán o departamento de Urbanismo, Estatística, Educación e Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Vigo. O Servicio de Normalización Lingüística será a unidade administrativa que participe na comisión de seguimento para a realización do inventario.

Descargar todas as imaxes