Escoitar

Simple Minds ofrecerá en Vigo ”Cry”, o traballo conmemorativo do seu 25 aniversario

luns, 8 abr 2002
imx1268.jpg
Simple Minds
A actuación de Simple Minds pechará a programación de ”Vigo, cidade de concertos” correspondente ao primeiro semestre. Os concelleiros de Festas e Xuventude destacaron que Vigo se inclúe xa nas xiras internacionais de grupos emblemáticos.

Nos seus 25 anos de carreira, Simple Minds vendeu 25 millóns de discos. Agora, a banda está integrada por Charlie Burchill e Jim Kerr, a medio camiño entre Escocia e Sicilia e cunha perspectiva musical moito máis ampla.

Simple Minds estará no pavillón das Travesas o 28 de maio para presentar o seu último traballo, “Cry”, que contén doce novas cancións gravadas en Glasgow, Dublín e Sicilia. Este disco conta con colaboracións como as de Planet Funk, que abre o álbum, ou Vince Clark, fundador de Depeche Mode e actual integrante de Erasure, que compuxo o tema instrumental ”The floating world”.

”Cry” é tamén o nome do primeiro sinxelo, comercializado en marzo como adianto do álbum, coincidindo co inicio da nova xira mundial do grupo que partirá de Glasgow e os levará ata América, Xapón e Australia. O concerto que os escoceses ofrecerán en Vigo, un dos tres que Simple Minds dará en España, será unha boa oportunidade para comprobar que a banda volve aos escenarios pisando forte.

As entradas poderán adquirise ó prezo de 18 euros nos establecementos LP, Discos Gong e La Columna. O importe das mesmas será de 21 euros en taquilla o día do concerto.

O teloneiro deste concerto será un grupo vigués que encaixe no estilo que pedía Simple Minds para abrir a súa actuación. Esta iniciativa enmárcase no apoio aos nosos grupos de mozos que ensaian no local municipal, explicou o concelleiro Santiago Domínguez.

MÁIS INFORMACIÓN


Descargar todas as imaxes