Escoitar

Xuventude abrirá novos locais de ensaio para mozos

mércores, 10 abr 2002
imx1279.jpg
Vicus Spacorum
A Concellería de Xuventude abrirá este ano novos locais de ensaio trala excelente acollida que tivo entre a mocidade esta iniciativa, a primeira de carácter municipal de Galicia, e que nace do programa ”Móvete con Vigo”. Na actualidade, os técnicos do Concello están intentando atopar un local que teña capacidade para varias salas.

Foméntase así a utilización destes espacios para que os recintos no só sirvan para ensaiar, senón que sexan lugares de encontro nos que se poida escoitar música, ler publicacións relacionadas coa música e intercambiar proxectos e instrumentos.

Desde agosto do ano pasado, un total de 25 grupos musicais pasaron polo local habilitado nun anexo da Casa da Xuventude (López Mora, 31). Neste momento o recinto ten cubertas tódalas plazas e existe unha lista de espera de 45 grupos.

Para satisfacer a demanda incluso houbo que amplia-lo horario e habilitar mañás e tardes para ensaiar. O éxito desta actividade ten maior calado aínda se se ten en conta que ata o momento apenas se fixo publicidade específica.

Os grupos que utilizan este local de ensaio profesan estilos musicais dunha ampla gama: pop, folk, rock, rap, heavy, grunge ou hard core. Os seus compoñentes teñen idades que oscilan entre os 16 e os 30 anos. As sesións de ensaio duran unha hora e media e cada banda ten opción de ensaiar 2 veces por semana, o que supón un total de 3 horas semanais.

A edición dun catálogo dos grupos que solicitaron o local de ensaio para enviar a tódalas entidades que teñen capacidade para organizar concertos é outro proxecto que se materializará en breve. Tamén se está a estudiar a forma de promover a gravación de maquetas.

Os obxectivos do programa son promove-lo chegamento do Concello á realidade musical xuvenil de Vigo, fomenta-lo encontro e intercambio entre mozos con inquedanzas musicais, ofertar un espacio físico para ensaios musicais de bandas xuvenís, contribuír á difusición e promoción dos grupos, coñecer e apoia-las iniciativas musicais da xente nova e asesorar e informar sobre actividades musicais xuvenís.

Estes obxectivos cumpríronse en boa medida: o listado de grupos, os agradecementos e espírito de colaboración dos grupos e a implicación da Concellería en concertos, cursos, medios, etc. dan boa mostra da satisfacción municipal por este programa. Os responsables da Concellería tamén tomaron conciencia dalgúns problemas cos que se atopan as bandas musicais para seguir adiante.

Ata o momento, no espacio xove de O Castro, ademais dos Castroconcertos, realizáronse varios cursos de batería e guitarra como resposta ás demandas de xoves. Estes cursos repercutiron positivamente na calidade dos ensaios, posto que algúns grupos melloraron considerablemente. O feito de ensaiar de forma continuada tamén favorece que estas bandas acaden un nivel aceptable de calidade.

En canto ó obxectivo de contribuír á difusión e promoción dos grupos déronse algúns pasos cos Castroconcertos, concertos en ”Noites Vivas”, actuacións para distintos medios de comunicación e información de posibilidades de actuacións, pero este ano vaise continuar esta liña promocional coa edición do catálogo e a inclusión de información no novo espacio web.

Descargar todas as imaxes