Escoitar

Un taller interactivo de Vigozoo permitirá o achegamento dos nenos á fauna galega

mércores, 27 mar 2002
imx1243.jpg
Escarabello
O Organismo Autónomo Municipal Vigozoo contará cun taller interactivo para escolares denominado ”Toca-toca, non toques” no que se exhibirán réptiles, anfibios e insectos propios do ecosistema atlántico e outras especies das máis espectaculares do planeta.

Na exposición amosaranse especies dentro do seu ambiente natural para poder observar o seu comportamento. Os visitantes recibirán explicacións sobre os aspectos máis curiosos de cada grupo de animais tales como mimetismo, albinismo, veleno e antídotos.

A compoñente didáctica da mostra apoiarase nunha axeitada rotulación e nunha serie de paneis informativos que ilustren a temática relativa a cada especie.

O taller ”Toca-toca, non toques” permitiralles aos escolares o contacto físico cos animais que non supoñan perigo. Así, os cativos aprenderán a diferenciar cada un deles, especialmente os que se poden encontrar en Galicia.

Instalaranse máis de 40 terrarios para acoller os animais que dispoñen de instalación eléctrica coas diversas iluminacións, focos e fluorescentes especiais que garanticen a supervivencia dos animais.

O centro situarase no edificio de usos múltiples do zoolóxico. Deste xeito, engádese un novo atractivo para as visitas a Vigozoo durante todo o ano, que se poderá converter nun centro especializado en herpetoloxía e entomoloxía.

Descargar todas as imaxes