Escoitar

Montes, Parques e Xardíns acondiciona os parques forestais e fomenta o seu uso

martes, 26 mar 2002
imx1240.jpg
A Concellería de Montes, Parques e Xardíns rematou a primeira fase dun programa que pretende pór en valor o patrimonio natural constituído polos 12 parques forestais de Vigo co obxectivo de telos en condicións óptimas para a práctica do sendeirismo. O investimento das actuacións foi de 49.283 euros (8.200.000 pesetas), ademais dos 147.187,54 euros (24.489.946 pesetas) que custa o mantemento anual destes parques.

Os parques forestais de Vigo, situados a escasa distancia do centro da cidade, dispoñen dunha superficie de 705.460 m2. Sendo aínda hoxe unhas das paraxes descoñecidas para moitos vigueses, os parques permiten satisfacer a demanda dos que desexen estar en contacto coa natureza dun xeito máis directo, disfrutando de marcos incomparables, tanto pola súa situación e dotación de mobiliario forestal, como pola súa proximidade que evita os desprazamentos longos no tempo de lecer.

A esta situación hai que engadirlle a múltiple oferta para as persoas amantes do carreirismo, xa que tódolos parques forestais están comunicados polos sendeiros GR que posibilitan a combinación de aventura, natureza, deporte, coñecemento do medio e ocio sen saír do concello.

As actuacións desta primeira fase de acondicionamento foron en San Miguel de Oia, Saiáns, Monte dos Pozos, Bembrive, Vixiador, Teis e Beade.

En San Miguel de Oia, consistiu na captación de auga, plantación de 12 bidueiros e 6 carballos, colocación dunha varanda mirador (110 m/l) e instalación de catro mesas e dúas barbacoas. O investimento foi de 8.113, 66 euros (1.350.000 pesetas).

En Saiáns instaláronse catro mesas e dúas barbacoas cun custo de 1.803 euros (300.000 pesetas) e no Monte dos Pozos remodelouse o vaso e reconstruíronse noiros, restaurouse unha ponte, remodelouse o sistema de bombeo e instaláronse catro mesas e dúas barbacoas, o que supuxo un investimento de 16.227, 33 euros (2.700.000 pesetas).

En Bembrive pavimentouse o camiño de acceso á Caseta-Bar e colocouse un valado de madeira (35 m/l) cun presuposto de 5.709, 62 euros (950.000 pesetas) e no Vixiador plantáronse 30 unidades de arborado en zonas de mesas, tales como bidueiros, freixos e carballos, e consolidáronse camiños con aportes de xabre cunha contía de 8.414 euros (1.400.000 pesetas).

En Teis fíxose un valado na zona de mesas (80 m/l), repúxose a balaustrada do mirador (8 m/l) e plantouse un carballo de gran porte. O orzamento foi de 3.906,58 euros (650.000 pesetas). E, finalmente, en Beade puxéronse 130 m/l de valado na zona de mirador e 60 m/l na zona do estanque, plantáronse 12 carballos e reconstruise un bebedeiro. O custo foi de 5.108, 60 euros (850.000 pesetas).

Na segunda fase, que xa está en marcha, contémplase continuar coa repoboación de especies como bidos e carballos co obxecto de acadar unha plantación acorde coa vexetación autóctona para mellorar o impacto visual, o paisaxismo e obter un ambiente máis agradable, sobre todo naquelas épocas nas que existe unha maior demanda de sombra por parte dos visitantes.


Superficie dos parques forestais de Vigo:

: Candeán-Vixiador……………………184.878 m2,
: Teis-A Madroa……………………….30.000 m2,
: Bembrive…………….………………99.710 m2,
: Comesaña……………………………29.200 m2,
: Beade…………………………………93.000 m2,
: Valadares-Monte dos Pozos………..110.000 m2,
: Valadares-Cepudo……………………42.200 m2,
: Saiáns…………………………………23.500 m2,
: Zamáns………………………………..50.000 m2
: Oia…………………………………….39.737 m2,

Descargar todas as imaxes