Escoitar

O alcalde imporalle a Medalla da Cidade ao Centro Portugués de Vigo o vindeiro mércores

luns, 25 mar 2002
O Pleno extraordinario decidiu, por aclamación, concederlle a Medalla da Cidade ao Centro Portugués de Vigo, entidade que celebra este ano o seu 75 aniversario. O acto de entrega será o mércores, 27 de marzo, ás 20:00 horas no Centro Cultural Caixanova.

O Centro Portugués de Vigo fundouse en 1927 co obxectivo de reunir aos portugueses residentes na área de Vigo e axudalos a integrárense na sociedade galega.

Nos últimos anos, trala entrada de España e Portugal na Unión Europea, o Centro orientou as súas actividades á divulgación da lingua e cultura lusas a través de exposicións, conferencias, concertos ou cursos de portugués. Deste xeito fixo unha enorme contribución a aumentar o coñecemento e as relacións entre as dúas comunidades veciñas.

Cumpridos 75 anos de existencia, ese espírito está cada vez máis arraigado e constitúe unha maior motivación para que o Centro Portugués continúe dando a coñecer a realidade portuguesa á sociedade galega.