Escoitar

A Corporación ratifica o acordo do CES sobre a Alta Velocidade

luns, 25 mar 2002
imx1235.jpg
Sesión plenaria
A Corporación municipal ratificou hoxe, en sesión plenaria, o acordo tomado polo Consello Económico e Social referente á Alta Velocidade e á cidade de Vigo polo que se propón ao Ministerio de Fomento que os estudios técnicos que na actualidades se están a realizar incorporen nos seus contidos e ámbitos as propostas de mellora da rede ferroviaria.

En concreto, solicítase o acceso ferroviario en alta velocidade conecte de forma directa Ourense coa área de Vigo e o Eixo Atlántico ferroviario na seguridade de que desta forma se favorece máis eficazmente o desenvolvemento de Galicia no seu conxunto e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O Consello Económico e Social considera a plena integración de Galicia na rede ferroviaria de alta velocidad como un obxectivo imprescindible para o desenvolvemento económico e territorial.

Informe sobre o alcance e as limitacións da rede ferroviaria de alta velocidade proposta para Galicia

A presencia dun sistema de transporte eficaz é un requisito necesario para conseguir un crecemento económico sólido dun territorio, capaz de xerar emprego e riqueza, e que permita aproveitar plenamente o mercado interior e o efecto da mundialización do comercio.

O ferrocarril é un compoñente principal do sistema de transportes. É un modo de transporte que debe ver aumentada a súa importancia nos vindeiros anos co fin de lograr unha máis adecuada integración dos transportes no desenvolvemento sostible e unha mellor ordenación territorial. Así o recomenda o Libro Branco publicado en setembro de 2001 pola Comisión Europea sobre a Política de Transportes.

En Galicia e en Vigo, o ferrocarril, a infraestructura ferroviaria, caracterízase ata a data pola súa escasa funcionalidade e a súa palpable obsolescencia, tanto no que se refiere ao transporte de viaxeiros como ao de mercadorías. Dificilmente o ferrocarril, en Galicia, pode asumir retos futuros – sexan de mellora de comunicacións ou de ordenación territorial - de non se resolveren as súas enormes carencias actuais.

A mellora dos accesos ferroviarios a Galicia é obxecto de estudio polo Ministerio de Fomento na actualidade. É un asunto da máxima importancia para o futuro estratéxico de Galicia en xeral e da área metropolitana de Vigo en particular. Estes estudios consideran a creación dunha rede ferroviaria de alta velocidade, dun ferrocarril de altas prestacións, nun horizonte próximo, o que constitúe unha oportunidade histórica para resolver o tradicional illamento de Galicia do resto de España.

A importancia estratéxica da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Pero tamén a creación dunha rede ferroviaria destas características é unha ocasión única para aproveitar a privilexiada posición xeográfica do sur de Galicia como nodo, como espacio de unión, co norte de Portugal, e servir de instrumento de impulso e de consolidación da Eurorrexión configurada en torno ao denominado Eixo Atlántico.

Esta Eurorrexión, cos seus extremos localizados no Porto e na Coruña-Ferrol, alberga cerca de 6.3 millóns de habitantes – dos cales 2,73 residen en Galicia - e conforma unha extensión natural do mercado interno do sur de Galicia. Da realidade e das posibilidades desta Eurorrexión dá fe a espectacular evolución que experimentou o comercio externo recíproco entre Galicia e Portugal nos últimos dez anos. Estudios económicos realizados recentemente así o demostran.

Neste contexto, a cidade de Vigo e a súa comarca constitúen un núcleo principal da Eurorrexión, dada a súa localización xeográfica, a súa poboación e a súa actividade económica e empresarial que é a principal de Galicia. As oportunidades de desenvolvemento futuro deste territorio baséanse nas súas potencialidades actuais así como na proximidade xeográfica e na mellora das dotacións loxísticas e de comunicacións.

A importancia e os efectos do tren de alta velocidade nol corredor O Porto- A Coruña poden resumirse en que afectan directamente á propia actividade económica do territorio ao diminuír os custos de acceso aos mercados e aumentar a competitividad dos seus sectores productivos. E en que tamén inciden directamente na calidade de vida dos seus habitantes ao reducir o seu tempo e custo de desprazamento, permitindo un funcionamento máis integrado e unitario da Eurorrexión.

A necesidade dunha intervención global que teña por obxectivo a solución dos distintos problemas existentes no conxunto de Galicia

Do dito ata agora despréndese que a modernización do ferrocarril en Galicia precisa dunha visión de conxunto, dunha estratexia global que permita integrar estes distintos obxectivos de maneira que a solución finalmente seleccionada sexa capaz de aproveitar as variadas oportunidades existentes. Non se trata só de mellorar as conexións co resto da rede ferroviaria española e de integrar a rede galega na rede española de alta velocidade. Trátase tamén de aproveitar o pulo que xera a construcción dunha rede ferroviaria de altas prestacións na creación dun corredor territorial e socioeconómico como é a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A elaboración de estudios por parte do Ministerio de Fomento é un instrumento óptimo para debater estas cuestións e definir os criterios de actuación que permitan acadar os obxetcivos enunciados de integración da rede ferroviaria galega na rede de alta velocidade do Estado, de cohesión territorial do territorio galego e de articulación ferroviaria da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal.

As limitacións da actual formulación de mellora da unión Ourense-Santiago de Compostela

Tres son os estudios principais que teñen por obxecto a mellora xeral dos accesos ferroviarios a Galicia e que afectan directamente á área metropolitana de Vigo e aos obxectivos anteriormente sinalados. O primeiro deles é o “Estudio Informativo del Proyecto del Acceso Ferroviario a Galicia. Eje Ourense-Santiago” cunhas alternativas de trazado que foron sometidas recentemente ao trámite de información pública. O segundo Estudio Informativo ten por finalidade a elaboración de alternativas de trazado relativas ao acceso ferroviario sur de Vigo e a mellora da conexión ferroviaria entre esta cidade e Pontevedra no marco dos estudios de mellora do Eixo Atlántico ferroviario. Finalmente un terceiro Estudio Informativo trata das melloras a introducir no treito ferroviario actual comprendido entre Ourense e Vigo pola beira do Miño.

A alternativa inicialmente seleccionada no primeiro estudio consiste na conversión do eixo ferroviario Ourense-Santiago de Compostela nun corredor ferroviario de alta velocidade de trazado completamente novo apto para transporte de viaxeiros e cunha velocidade de deseño de 300 km/h que permite realizar o traxecto Ourense-Santiago de Compostela en pouco máis de vinteún minutos.

Parece claro que a alternativa seleccionada neste estudio pode chegar a converterse se non se modifican os parámetros da análise, no único corredor ferroviario de acceso a Galicia en alta velocidade.

Sen embargo, partindo das consideracións territoriais e económicas anteriormente sinaladas obsérvase a incapacidade de que este corredor resolva eficazmente os problemas existentes, ao analizar illadamente unha franxa territorial concreta, entre Ourense-Santiago de Compostela e non formular unha visión de conxunto de Galicia e das súas peculiaridades económicas e sociais. O problema non é só cómo realizar a unión entre Ourense e Santiago de Compostela no menor tempo posible senón formular unha alternativa que ofreza unha reducción ponderada e equilibrada dos tempos de acceso ás principais cidades galegas e que incorpore suficientemente o treito portugués do Eixo ferroviario Atlántico.

A proposta de acceso ferroviario de alta velocidade marxina a área de Vigo

A alternativa seleccionada penaliza a incorporación do sur da Galicia litoral – é dicir a área metropolitana de Vigo - ao corredor de Alta Velocidade ferroviaria, descoñece a trascendencia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a significación estructural que posúe o ferrocarril na súa consolidación. O potencial da Eurorrexión é un factor estratéxico determinante no desenvolvemento futuro non só de Vigo senón do conxunto de Galicia. O seu aproveitamento require que o proxecto das novas infraestructuras de transporte e comunicacións -entre as cales destaca a rede ferroviaria de alta velocidade- teñan claro este obxectivo e sirvan para mellorar a integración e as relacións internas da Eurorrexión.

O resto das alternativas analizadas polo Ministerio de Fomento resolven – ao igual que a alternativa seleccionada -o problema dun xeito imperfecto ao ignorar, ademais deste problema, as necesidades xerais de Galicia e non contribuír a unha mellor integración territorial e económica dos distintos núcleos de población e actividade existentes.

A nova rede de alta velocidad debe servir a toda Galicia

En consecuencia considérase imprescindible que se amplíe o ámbito de estudio das alternativas de actuación actualmente consideradas de maneira que o seu obxetcivo sexa a solución dos problemas anteriormente apuntados. En particular enténdese indispensable que a alternativa seleccionada ofreza unha conexión máis directa coas principais cidades do sur e co Eixo Atlántico de forma que a rede ferroviaria resultante teña por finalidade a plena inserción deste corredor na rede ferroviaria de altas prestacións e a mellora substancial dos tempos de acceso á área metropolitana de Vigo.

Existen varias alternativas que contribuirían a conseguir os obxectivos dunha maior cohesión e dunha máis eficaz integración da nova infraestructura ferroviaria de alta velocidade nal orde económica e territorial de Galicia. Correspóndelle ao Ministerio de Fomento a análise e estudio de novas alternativas. Desde o Consello Económico e Social de Vigo se considera que a alternativa que favorece estes obxectivos é a conexión en Alta Velocidade dos principais núcleos de poboación de Galicia a través dun ”L”: Ferrol-A Coruña, Santiago, Pontevedra-Vigo, Ourense, que se prolongue en Vigo cara a fronteira portuguesa conformando un ”T” coa cidade de Porto.

Un esquema destas características permite unha mellor integración do Eixo Atlántico e das cidades situadas nos seus extremos norte e sur na rede ferroviaria de altas prestacións considerando como tal a red ferroviaria de alta velocidade do Estado e a liña ferroviaria, convenientemente mellorada, que conecta A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e O Porto. Ningún esquema parecido se analizou no estudio realizado polo Ministerio de Fomento. Considérase que esta alternativa e outras similares deben estudiarse analizando as súas fortalezas desde a perspectiva da súa capacidade para lograr os tres obxectivos seguintes:

-Integrar a red ferroviaria galega de alta velocidade na rede de alta velocidade do Estado español.
-Cohesionar o territorio galego mediante unha mellora xeneralizada das comunicacións, dos tempos de acceso en ferrocarril ás principais cidades de Galicia, cun trazado que compatibilice as esixencias do norte e as do sur da Comunidade.
-Incorporar o Eixo Atlántico e a súa prolongación cara ao Porto a través do acceso sur a Vigo á rede ferroviaria de altas prestacións de Galicia de maneira que o ferrocarril vertebre e sexa unha referencia infraestructural de primeira orde da Eurorrexión.

A mellora do Eixo Atlántico. Unha segunda actuación estratéxica

A mellora do Eixo Atlantico ferroviario é, por todo iso, a segunda intervención estratéxica na modernización da rede ferroviaria de Galicia. Trátase dunha actuación que ten por obxectivo a mellor articulación do territorio e o impulso da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como espacio común económico e social.

As deficiencias deste eixo ferroviario céntranse no seu disfuncional trazado e nas súas pobres características técnicas (ausencia de electrificación,...). En numerosos treitos deste eixo non se poden superar os 75 u 80 km/h. As velocidades máximas a penas acadan os 120 km/h. As frecuencias e os tempos de viaxe converten ao ferrocarril nun modo de transporte marxinal incapaz de competir coa estrada e o avión para todo tipo de desprazamentos.

As melloras de trazado en proxecto e en execución teñen unha velocidade de deseño superior a 200 km/h. e deben considerar a realización da electrificación da vía en todos os seus tramos o que mellorará susbtancialmente ls comunicacións entre as cidades atlánticas galegas situadas entre Vigo e A Coruña. Sen embargo esta modernización do ferrocarril no Eixo Atlántico, sendo necesaria non é suficiente, requirindo a súa prolongación cara a Tuih e o norte de Portugal, resolvendo o trazado polo interior da cidade de Vigo.

A Eurorrexión é unha realidade económica e social no territorio comprendido entre O Porto e Vigo. Así o indican as cifras referidas aos intercambios comerciais e á crecente importancia dos desprazamentos de viaxeiros. O maior volume de poboación tamén se concentra nesta zona sur da Eurorrexión. A importancia da dita conexión con Portugal é dobre, dado que se garanta ademais, que parte do financiamento necesario podería obterse a través dos programas europeos de desenvolvemento transfronteirizo.

O acceso sur ferroviario a Vigo, elemento imprescindible do Eixo Atlántico

Razóns estratéxicas avalan que a construcción da Eurorrexión se apoie non só na mellora das súas infraestructuras viarias senó tamén nas ferroviarias. Para que o ferrocarril poida cumprir satisfactoriamente este papel estructurante hai que resolver os seus actuais déficits de trazado. En particular considérase imprescindible a prolongación da liña ferroviaria de altas prestacións ata Tui e a fronteira portuguesa eresolver otrazado inadecuado do acceso ferroviario á cidade de Vigo que converte a estación desta cidade nun “fondo de saco” desde a perspectiva da operatividade ferroviaria.

A plena integración da cidade de Vigo na rede ferroviaria pasa por “romper” o carácter terminal da estación de Vigo e convertela nunha estación pasante de maneira que se faciliten os encamiñamentos ferroviarios de relación entre as diversas cidades sen requirir de manobras disfuncionais como as que na actualidade deben facer os trens dirixidos a esta cidade.

A modernización do Eixo Atlántico ferroviario como instrumento de impulso ao desenvolvemento da Eurorrexión e a súa correcta relación co acceso de alta velocidade ferroviaria require do denominado acceso ferroviario sur a Vigo a fin de dar continuidade á liña ferroviaria cara a Tui e a fronteira portuguesa e desde aí ata Valença do Minho e O Porto, enlazando coa rede básica portuguesa.
Descargar todas as imaxes