Escoitar

Festas e Animación Sociocultural convoca o concurso de carteis das Festas do Cristo

martes, 26 mar 2002
Co obxecto de seleccionar un cartel para a difusión do programa das Festas do Cristo da Victoria 2002, a Concellería de Festas e Animación Sociocultural organiza un concurso no que tódalas persoas físicas ou xurídicas que o desexen poden presentar cantas obras queiran, coa condición de seren inéditas.

Os orixinais realizaranse verticalmente, en papel de 50 x 32 cm, e presentaranse suficientemente protexidos e montados sobre soporte ríxido e desmontable, que permita a súa perfecta exposición. O soporte non poderá exceder en máis de 3 cm por cada lado ó orixinal. A técnica utilizada será libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reproducción fotomecánica.

En caso de remitirse facturados, o Concello de Vigo non responderá de posibles desperfectos, nin extravíos, como tampouco da súa devolución.

Así mesmo, o Concello de Vigo non responderá dos posibles desperfectos ou danos que poidan sufri-los carteis como consecuencia do seu transporte, manipulación, montaxe e desmontaxe, en caso de realizarse algunha exposición deles (base núm. 9). Por este motivo, recoméndase que os carteis se presenten en soporte de cartón, cartón-pluma ou similar, evitando na medida do posible o emprego de cristal, metacrilato, enmarcado, etc.

Os orixinais, ademais do logotipo e anagrama oficial da Concellería de Festas e Animación Sociocultural, deberán incluír necesariamente os seguintes textos:

* FESTAS DO CRISTO DA VICTORIA 2002.
* VIGO.
* XULLO E AGOSTO.

A Concellería de Festas e Animación Sociocultural corrixirá os posibles erros dos textos que figuren nas obras, así como calquera modificación de datas ou doutro tipo que poidan xurdir.

Así mesmo, a Concellería de Festas e Animación Sociocultural resérvase a facultade de modificar ou substituí-lo logotipo e anagrama que apareza no orixinal, así como de varia-la súa localización na composición definitiva do cartel que se edite: así mesmo, resérvase a posibilidade de incluí-los logotipos de entidades ou empresas colaboradoras.

Os carteis presentaranse na Concellería de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo (Praza do Rei s/n: 36202 VIGO), en horario de 9 a 14 horas: o prazo de presentación finalizará ás 14´00 h do día 10 de maio. Non serán admitidos os carteis que se reciban no citado departamento con posterioridade á data e hora indicadas, calquera que sexa a causa do retraso.

Cando os traballos se presenten persoalmente, facilitarase un recibo que se poderá trocar no seu día polo traballo presentado. Os que se reciban facturados serán devoltos o seu autor/a, se así o solicita, unha vez verificado o concurso: todo isto sen prexuízo do previsto na base núm.

Os gastos de envío e devolución serán por conta dos concursantes. Transcorrido o prazo de 30 días naturais, contados dende a data de adxudicación do concurso, sen que os autores dos traballos non premiados os recollesen, entenderase que renuncian a estes, e o Concello de Vigo poderá dispoñer libremente deles, sen recoñecer dereitos de reclamación ou indemnización de ningunha clase.

Os carteis serán presentados sen sinatura do autor-a e baixo un lema, que estará escrito no dorso do cartel, acompañados dun sobre cerrado que porá no seu exterior o mesmo lema do cartel. No interior do sobre depositarase unha nota escrita a máquina ou rotulación adecuada, co nome e apelidos do autor-a, enderezo completo, un número de teléfono de contacto (imprescindible) e o NIF ou CIF correspondente. O incumprimento dalgún destes aspectos poderá ser motivo de descualificación.

Premios

Establécense para este concurso os seguintes premios e accésits:

PREMIO ÚNICO ..................... 3.005,06.- euros.
2 ACCÉSITS ............................ 601,01.-euros, cada un deles.

Os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar. O premio único ou os accésits poderán ser declarados desertos polo xurado do concurso. Caso de que o xurado estimase que ningún dos traballos presentados resulta adecuado para se-lo cartel anunciador oficial das FESTAS DO CRISTO DA VICTORIA 2002, o Concello de Vigo resolvería polos seus propios medios a edición do mencionado cartel.

As obras gañadoras, tanto do primerio premio como dos accésits, quedarán en propiedade do Concello de Vigo, e cederá o/a autor/a en exclusiva e irrevogablemente, o dereito de impresión ou reproducción, total ou parcialmente, en calquera modalidade, tamaño ou soporte, así como a utilización da obra para a súa promoción publicitaria. Poderanse realiza-las correspondentes modificacións ou transformacións para a súa adaptación a soportes, técnicas ou tamaños necesarios.

O Concello de Vigo resérvase o dereito de organizar exposicións públicas con todos ou parte dos carteis presentados ó concurso, en local, datas e horas que se determinarán. Neste suposto, os carteis deberán ser retirados polos propios autores ou persoas que os representen, no prazo de trinta días naturais seguintes ó da clausura da derradeira das exposicións. A selección das obras que se inclúan na exposición será realizada polo xurado do concurso.