Escoitar

Os clientes do comercio do centro histórico disporán a partir de mañá de aparcamento e autobús gratuitos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este martes a campaña "Merca no Vigo histórico... as túas compras viaxan gratis", que ofrecerá aos clientes que acudan ao centro da cidade para realizar as súas compras de aparcamento e autobús gratuitos. Mediante esta iniciativa, organizada polas concellerías de Cascos Históricos e Patrimonio Histórico, xunto aos centros comerciais abertos Centro Príncipe, Zona Centro e Vigo Vello, e os mercados de O Berbés e Progreso, cada cliente que realize unha compra superior a 10 euros recibirá unha hora de aparcamento gratuíta ou unha viaxe en autobús tamén de balde.

martes, 30 xuñ 2009
1246366606camapanacomercio.jpg
"Con esta campaña seguimos apostando polo casco histórico como lugar de encontro, lecer e compras, e por outro lado facilitamos a labor dos comerciantes ofrecéndolles axudas para que incrementen as súas vendas", destacou o tenente de alcalde. Segundo Santi Domínguez, deste xeito se quere "compensar aos comerciantes polas dificultades que están a pasar como consecuencia da crise e polas molestias ocasionadas polas obras".

Dende o 1 de xullo ao 31 de decembro, periodo no que en principio estará vixente a campaña, "Merca no Vigo histórico... as túas compras viaxan gratis" ofrecerá un total de 23.000 horas de aparcamento e 13.300 viaxes en autobús de xeito gratuito. A iniciativa conta cun orzamento total de 58.000 euros, aínda que o tenente de alcalde apuntou que se a demanda supera as previsións se estudará a súa ampliación. Santi Domínguez explicou que con esta proposta se busca atraer clientes á zona centro da cidade, impulsar a actividade comercial, potenciar o uso do transporte público e, sobre todo, "potenciar que podamos chegar ao centro en coche pero que non utilizándoo dentro del". O tenente de alcalde quixo subliñar que "canto menos utilicemos o coche no centro, mellor, porque estaremos ampliando a zona de lecer".

Santi Domínguez explicou que os establecementos participantes na iniciativa contarán cun logotipo identificativo, de xeito que por cada compra superior a 10 euros cada cliente recibirá un tiket de aparcamento gratuito para unha hora ou un billete para coller o autobús. Os aparcamentos que se acollen a esta proposta son os do Progreso, Doutor Cadaval, Eduardo Iglesias, Velázquez Moreno, A Estrela, Colón 28, El Dorado, Venezuela, Berbés e As Avenidas. Asemade, o tenente de alcalde indicou que só se poden empregar un máximo de tres tikets en cada aparcamento, pero que non caducan. Así si as compras que realiza unha persoa lle reportar, por exemplo, oito tickets poderá descontalos do prezo de parking en calquera momento.

O tenente de alcalde expresou o seu agradecemento ás distintas asociacións participantes nesta iniciativa, "porque sen a súa colaboración sería imposible poñela en práctica". O responsable do centro comercial aberto Zona Centro, Raúl Fontán, en representación do resto das asociacións, salientou o traballo conxunto de colaboración que están mantendo coas concellerías de Cascos Históricos e de Patrimonio Histórico respecto das obras que se están levando a cabo. "Plantexamos as nosas inquedanzas e xa están todas satisfeitas, tanto respecto á información como respecto á sinalización", subliñou. Asemade, indicou que ao poñerse en contacto cos correspondentes departamentos do Concello responsables destas actuacións "non quixemos criticar as obras, porque nos parecen marabillosas para o barrio".

Respecto á iniciativa presentada, salientou que se trata dunha "campaña importantísima porque é un incentivo para vir ao centro pese ás obras". Asegurou que dende as distintas asociacións de comerciantes que participan nela "cremos que vai dar moi bos resultados" posto que xa hai moitos comerciantes "que se están interesando por ela". Sinalou que en total son arredor de 800 os establecementos comerciais asociados en todas as entidades participantes, pero que esperan que haxa outros que se sumen á iniciativa. "Todos aportamos ideas e recursos para acadar un mesmo fin", afirmou. Por outra banda, indicou que a data de inicio da iniciativa, que coincide co comezo das rebaixas, é un "momento moi axeitado, porque este ano as rebaixas van ser moi fortes". Salientou que "estamos encantados con esta campaña e cremos que esta é a forma de traballar conxuntamente".
Descargar todas as imaxes