Escoitar

Eudosio Álvarez fará de Castrelos o Museo da Cidade, que terá outros contentores repartidos por toda a cidade

Converter o Pazo-Museo Quiñones de León no Museo da Cidade será unha das principais tarefas que o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, se marca como obxectivo. A elaboración do Plan Especial do Parque de Castrelos e o Plan Especial do Monte do Castro, así como a posta en valor do patrimonio industrial da cidade e tamén a recuperación do patrimonio construido do Casco Vello e Bouzas completan os eixos do labor do concelleiro nos dous anos que restan de mandato.

xoves, 21 mai 2009
1242908730roldadosio.jpg
Eudosio Álvarez explicou hoxe que o Pazo-Museo Quiñones de León como Museo da Cidade será o ente encargado "da laboura de conservar, investigar, documentar, revalorizar e difundir a historia da cidade na súas variantes facetas" co obxectivo de que a cidadanía coñeza e se identifique cos valores históricos da súa cidade. O concelleiro salientou que "se convertirá no centro motor e director dun novo modelo de expresión museística na que están a traballar todas as cidades do mundo".

Catrelos, incluíndo o pazo e os xardíns históricos, serían "o corazón e a cabeza" deste museo, que tería outros contentores localizados en distintos puntos da cidade. Segundo o nacionalista, trátase de desenvolver "un moderno proceso museográfico". Cando menos existirían como centros asociados os centros arqueolóxicos de Toralla e O Castro e un edificio singular no centro da cidade no que se exporían os fondos das coleccións pictóricas cos que hoxe conta o Museo e que "é longamente demandado". Tamén se incorporarían os cascos históricos do Casco Vello e Bouzas, definindo para eles uns proxectos expositivos e interpretativos, "acordes cos novos modelos de interpretación museolóxica", ao igual que os roteiros etnográficos da cidade para poder "visitar con criterio expositivo e documentado os nosos restos arquelóxicos dispersos por todo o termo municipal".

O concelleiro explicou que estas son algunas das conclusións do Plan Museístico da Cidade, que están na súa fase final de elaboración. Engadiu que se dispón dun documento "profundo e detallado con moitas variables e hipótesis, sobre o que agora estamos elaborando a fase de conclusións. O Museo da Cidade é un dos primeiros elementos dese Plan".

Paralelamente á posta en marcha desde novo modelo para Castrelos, aprobarase o Plan Especial do Parque de Castrelos". O concelleiro dixo que o obxectivo é aprobalo definitivamente antes de final de ano. Terá como obxectivo "configurar o parque como un centro de uso e goce de toda a cidadanía, porque é de todos, pero mellorando os criterios de conservación e vixianza. O concelleiro aposta "por promover o uso máis intensivo e menos estacional do parque, convertíndoo nun foco cultural permanente ao longo do ano e teñan cabida todas as formas de actividades culturais". A este respecto adiantou que as primeiras actividades serán o denominado "Outono cultural" en colaboración coa Concellería de Cultura.

Outro Plan Especial que se vai elaborar é o do monte de O Castro. Eudosio Álvarez fixo fincapé en que será un documento consensuado con todos os grupos políticos e entidades vinculadas ao mesmo.
O concelleiro nacionalista fixou como outra liña fundamental de traballo dos dous anos que quedan ata rematar o mandato a posta en valor do "maior e mellor" patrimonio industrial do noroeste peninsular. "As xeracións vindeiras non entenderían que so conservásemos e mimásemos o patrimonio de hai vinte séculos, mentras abandoamos aquel patrimonio qu enos fixo medrar como cidade e ser o que hoxe somos".

A este respecto avanzou que unha das primeiras medidas vai ser pór a flote e visitable o barco Bernardo Alfageme. Neste punto, quixo facer especial mención ao traballo previo para a súa recuperación que fixeron as concelleiras Carme Corbalán e máis recentemente Elena Maure. O concelleiro dixo que en breve manterá unha reunión cos responsables da Consellería de Cultura para que sexa exposto no peirao do Museo do Mar.

Na recuperación do Patrimonio Industrial tamén, ademáis de catalogar e difundir os fondos existentes, está previsto organizar na segunda metada de 2010 unha gran exposición, para o que xa está mantendo conversas con representantes das diferentes empresas e familias para contar cos fondos que eles teñen.

Eudosio Álvarez referiuse tamén ao patrimonio construido da cidade, que ten no Casco Vello e en Bouzas dous dos seus máximos expoñentes. O nacionalista falou de medidas concretas como a recuperación integral da fachada de O Berbés. "Todo o traballo de recuperación do Casco Vello desde unha perspectiva histórica está transformando o barrio, pero a fachada de O Berbés ten que ser un punto e aparte. Non se trata só da recuperación do Casco Vello, senón tamén da recuperación do patrimonio histórico construído máis significativo e de máis identidade da nosa cidade", salientou. O concelleiro dixo que tamén se traballará na recuperación de edificios singulare do Casco Vello e Bouzas.

Para apoiar os procesos de dinamización cultural e social que "permitan a reconquista por parte dos vigueses e viguesas do centro da cidade" será tamén unha actuación básica do seu departamento. Como primeira medida sinalou que no mes de setembro presentarase unha programación conxunta de Tenencia de Alcaldía, Cultura e Patrimonio Histórico para desenvolver a finais de ano cando rematen as obras e que terá carácter permanente ao longo de todo o ano.
Descargar todas as imaxes