Escoitar

Isaura Abelairas asegura o cumprimento dos prazos nas "preto de 100 rúas" que se están a mellorar

A concelleira de Vías e Obras subliñou que neste 2009 o investimento total en traballos de mellora da cidade ronda os 80 millóns de euros, sumando as do "Plan Zapatero" e os investimentos autonómicos e municipais. Abelairas salientou o "obxectivo" do goberno local de facer un Vigo para os vigueses e suprimir "as menos prazas de aparcamento posibles".

mércores, 8 abr 2009
1239195684isaura.JPG
A concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas, garantíu hoxe mércores que as "preto de cen rúas" que se mellorarán neste 2009 cumprirán os prazos, días antes de iniciarse o vindeiro 13 de abril os traballos de humanización de 27 rúas con cargo ao "Plan Zapatero".

A concelleira asegurou que todas as obras executadas polo Concello con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local estarán rematadas este ano, e na súa maior parte comezan a vindeira semana co acopio dos materiais. Abelairas solicitou "paciencia" aos cidadáns polas molestias e agradeceu a "comprensión" dos vigueses nas melloras xa executadas.

A edil estimou que os investimentos en Vigo neste 2009 rondan os 80 millóns de euros, sumando o Plan E do Goberno de España (que deixa 52,2 millóns de euros en Vigo) e os orzamentos da Xunta de Galicia -nas humanizacións das Avenidas de Florida e Castrelos-, e as partidas municipais.

Abelairas indicou como un "obxectivo" do goberno local facer unha cidade para os vigueses, con máis beirarrúas, apostando polo transporte público e a calidade de vida, e sen olvidar os vehículos privados, pois "suprimimos as menos prazas de aparcamento posibles", salientou a edil.

Ao respecto do aparcamento en superficie, a concelleira explicou que os proxectos de humanización contan con distintos informes técnicos previos que analizan o volume de tráfico, de aparcamento e de garaxes na zona; e citou como exemplo as rúas a humanizar no barrio de Coia, onde non se manteñen todas as prazas.

Isaura Abelairas destacou que nas humanizacións se están a instalar elementos embelecedores que actúen como "disuasorios" para evitar o aparcamento sobre as beirarrúas, como as xardineiras ou árbores.

Iluminación e sanemento
A edil municipal de Vías e Obras aproveitou a comparecencia de prensa para repasar as inversións en saneamento e abastecemento do pasado ano e deste 2009. Neste capítulo, a suma dos orzamentos ascende a 1,5 millóns de euros en ampliación e melloras das redes.

Ademáis, Isaura Abelairas salientou que xa se teñen instalados o 65% dos 42.250 puntos de luz de Vigo, cambiados por elementos lumínicos máis sostibles e eficientes.
Descargar todas as imaxes