Escoitar

Jory Vinikour: variacións en clave de Bach no Festival Are-More

venres, 9 nov 2001
Jory Vinikour está considerado como un dos mellores intérpretes de clave do mundo na actualidade. Será o protagonista deste recital do Festival Are-More, que se desenvolverá na sala de concertos do Conservatorio Superior de Música de Vigo o domingo, 11 de novembro ás 20:00 horas. Na súa actuación porá en escena as Variacións de Golberg de J.S. Bach, un dos traballos que lle valeron recoñecemento internacional nos últimos anos e que o elevaron á elite mundial.

Natural de Chicago, Vinikour formouse como pianista da man de artistas como Emilio del Rosario, Ann Schein e Nina Svetlanova. Unha vez terminados os seus estudios de piano, especializouse no repertorio e na interpretación da clave. Cursou estudios deste instrumento en Estados Unidos e posteriormente se desprazou a París para o seu perfeccionamento. Cando obtivo os primeiros premios no concurso internacional de Varsovia e no Festival de Praga, abríronselle as portas para unha importante carreira musical. Dende entón realizou recitais nas principais salas de concertos do mundo, así como nos festivais máis prestixiosos de música antiga.

Actuou como solista con orquestras como a Lausanne Chamber, Roterdam Philarmonic, Cámara de Praga, Flanders Philarmonic, etcétera. Actúa con frecuencia coa Orquestra de Cámara de Moscova. Sendo como é un dos poucos intérpretes de clave que tamén se interesou pola música contemporánea, gañou en 1987 o concurso internacional de París. Dende ese momento ofreceu estreas de obras de autores da importancia de Durieux, Berea, Moevs, Morehead ou Michael Nyman.

Tamén actuou como acompañante de artistas tan relevantes como Annick Massis, Anne Sofie von Otter, Magdalena Kozena ou Helene Delavault. Non deixou de lado as gravacións discográficas, entre as que se inclúen a banda sonora do filme “Jefferson in Paris”. Pero, sen dúbida, alcanzou o mellor momento da súa carreira coa gravación das Variacións de Golberg de Bach que apareceu nos primeiros meses deste ano. Antes, en 1999, gravou as sete tocatas de Bach para clave, disco que foi aclamado por toda a crítica internacional, sendo cualificado polo Chicago Tribune coma un dos mellores discos de música clásica daquel ano.

Un recital extraordinario, non só para os amantes da clave senón para o público xeral, que atopará en Jory Vinikour a un dos grandes virtuosos da actualidade.

BIOGRAFÍA

PROGRAMA